220 médicos de familia e mir apuntáronse para facer gardas de verán na sanidade galega
220 médicos de familia e mir apuntáronse para facer gardas de verán na sanidade galega
Inscribíronse nesa bolsa de profesionais 111 médicos de atención primaria e 109 mir
Este programa, destinado a facer gardas nos PAC, conta cun fondo de 12,5 millóns de euros
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) inicia o luns vindeiro o seu programa de verán para suplir a falta de profesionais, sobre todo por mor das vacacións. Xa existe un primeiro balance: unha porcentaxe elevada dos MIR de Medicina Familiar, o 86 % do total, apúntanse ás vacantes de verán, pero a cifra baixa ao 23 % en Pediatría. En total son 109 mir e 111 os médicos de familia apuntados para facer gardas nos PAC, os puntos de atención continuada.
"Agradecer a todos os residentes a implicación e o seu compromiso o sistema de saúde pública de Galicia. Facer un esforzo a maiores ao que fan ao remate da residencia ten moito mérito", manifesta o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
Ese programa conta cun orzamento de doce millóns e medio de euros para pagar as gardas e a dispoñibilidade. As bolsas de profesionais voluntarios sumarán máis efectivos e ábrense as destinadas aos médicos itinerantes, dispostos a desprazarse aos centros de saúde máis "tensionados".
"Estamos esperando tamén a que se abran as bolsas de mobilidade e tamén toda a xente que se vai adherir ao plan extraordinario para as gardas en PAC, que se está abrindo en varios sitios como Ferrol e Santiago", anticipa Gómez Caamaño.
Con este sistema, os MIR que cubran vacantes de verán baixo a supervisión dun titor poderían percibir 2000 euros engadidos ao mes.