Unha trintena de luthiers dan a coñecer o seu oficio en Santiago
Unha trintena de luthiers dan a coñecer o seu oficio en Santiago
A Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais celebra o seu segundo encontro no IES Rosalía de Castro
Din que o sector está vivindo un momento de auxe e reclaman a creación dunha escola pública que ofreza formación regrada
Francisco Luengo e César Arias son dous referentes no oficio da luthería antiga en Galicia, un sector que, segundo din, está a vivir un momento de efervescencia
“A creación de Labra, a asociación profesional do sector, foi motivada por isto, cando nos atopamos coa enorme cantidade de obradoiros de luthería que hai en Galicia se comparamos co resto de Europa en proporción á nosa poboación”, asegura Francisco Luengo.
Oli Xiraldez empezou hai 30 anos no mundo da gaita. Daquela había poucos construtores. Hoxe o seu oficio mudou por completo.
“Daquela eramos poucas persoas as que faciamos gaitas, seis, sete ou oito, agora mesmo hai máis de cen persoas facendo instrumentos tradicionais no país”, explica.
Unha trintena de luthiers participan en Santiago no encontro de Labra, a asociación galega de profesionais do sector, que reclama a creación dunha escola pública que ofreza formación regrada.
"Debería haber unha escola pública ben organizada que fomente a profesionalización do sector, é unha profesión que necesita formación en diversas áreas”, asegura Ana Fariña, presidenta da asociación.
Entre os instrumentos que se expoñen no encontro de luthiers hai pezas coma esta, unha guitarra barroca baseada nun orixinal de comezos do século XVII.