Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un simulacro de alerta masiva fará soar 300.000 teléfonos na Coruña e Arteixo

Un simulacro de alerta masiva fará soar 300.000 teléfonos na Coruña e Arteixo

A Axencia Galega de Emerxencias vai poñer a proba o vindeiro martes ás dez da mañá o sistema ES-ALERT

G24.gal 13/10/2024 14:05 Última actualización 13/10/2024 17:14

O vindeiro martes todos os teléfonos que estean na triangulación das antenas telefónicas dos concellos da Coruña e Arteixo soarán e vibrarán ao mesmo tempo. Trátase dun simulacro de alerta masiva co que a Axencia Galega de Emerxencias o sistema ES-ALERT.

Máis de 300.000 persoas, entre as censadas na Coruña e Arteixo e as que se atopen nesa área ás dez da maña do martes 15 de outubro, recibirán unha alerta sonora acompañada dunha vibración continua no seu teléfono que so cesará pulsando "aceptar".

Non é unha SMS, senón unha mensaxe exclusiva dunha aplicación programada para Android e IOs, para todos os teléfonos, do sistema ES-ALERT.  

"Tranquilidade. Que simplemente lle dean a aceptar a mensaxe, que coñezan esta nova ferramenta para comunicarnos coa poboación en caso dalgunha emerxencia. E por que avisamos? Porque isto vai soar nun quirófano, nas escolas, aínda que os terminais estean en modo silencio, cando a xente vaia conducindo pola AP-9, ou en calquera estrada dos concellos da Coruña e Arteixo, no tren...", conta Marcos Araújo, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).    

O do vindeiro martes será un simulacro englobado no Plan de Autoprotección do Polígono da Grela-Bens, exportable a toda a comunidade, un ensaio xeral dun sistema de información e alarma para a cidadanía ante unha vertedura química, ante un furacán ou ante un grande incendio.

"Que á poboación lle chegue a mensaxe antes de ter que mandar a mensaxe nun caso real para que se vaian habituando a un novo sistema de comunicación. Seguimos usando os medios tradicionais como a televisión ou como a radio, pero tamén de forma directa este novo tipo de mensaxe cando activemos algún plan de Protección Civil", matiza.

Dende a Axencia Galega de Emerxencias, lémbrannos que a súa misión é a prevención, que ante unha crise a poboación estea informada e saiba que facer de antemán nunha emerxencia climática ou medioambiental.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade