Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Fiscalía afirma que houbo unha "cacería brutal e inhumana" sobre Samuel Luiz

A Fiscalía afirma que houbo unha "cacería brutal e inhumana" sobre Samuel Luiz

A Fiscalía pide para os cinco acusados penas de entre 22 e 27 anos de prisión e ve como agravante a motivación pola orientación sexual da vítima

As defensas alegan falta de probas: "Non pode haber unha cacería xudicial"

O principal acusado do crime de Samuel Luiz escúdase na embriaguez e en que estaba alterado pero nega homofobia

A fiscala, á dereita da imaxe, durante o xuízo (Europa Press/M. Dylan)
G24.gal 16/10/2024 10:36 Última actualización 16/10/2024 14:46

A fiscala do xuízo de Samuel Luiz, Olga Serrano, cualificou de "cacería brutal e inhumana" a morte do mozo, ocorrido na madrugada do 3 de xullo de 2021 tras unha malleira á saída dun local de lecer da Coruña.

"Por un grupo de persoas que eran conscientes", dixo na súa exposición ante o Tribunal do Xurado na Audiencia Provincial da Coruña e ao argumentar que os acusados, ao seu xuízo, eran conscientes de que podían provocarlle a morte.

Ademais, sostivo que D. M., o que, segundo as acusacións, iniciou a agresión, mostrou "animadversión" e "rexeitamento" ante a orientación sexual de Samuel, motivo polo que tanto a el como á súa noiva nese momento e tamén acusada, C. S., pídeselles a agravante de discriminación por orientación sexual.

O Ministerio Público solicita, como as outras acusacións -a familia e o colectivo LGTBI Alas Coruña- a condena por un delito de asasinato con aleivosía e asañamento para os cinco acusados, todos eles como coautores, no xuízo que se celebra na Audiencia coruñesa.

A avogada da familia de Samuel: "Eran perfectamente conscientes da gravidade"

A avogada da familia de Samuel Luiz, Esther Martínez, manifestou que os cinco acusados eran "perfectamente conscientes da gravidade" dos feitos.

"Dicir que non querían matalo e, entón, que querían, mandalo á UCI, deixalo en cadeira de rodas e romperlle todos os ósos?", preguntouse ante o Tribunal do Xurado, na Audiencia Provincial da Coruña, e aos que pediu que emita un veredicto de culpabilidade.

"Ao longo destes 170 metros cando Samuel fuxía, cando non tiña forzas e queixábase, non detiveron o ataque ata que caeu ao chan", dixo a letrada, que rexeitou que a acusada C. S. tratase de evitar os golpes.

"Seis persoas atacando, non cabe dicir que non tiñan intención de matar", insistiu a letrada, que asegurou que os acusados "non era a primeira vez que participaban en pelexas".

O colectivo LGTBI Alas Coruña vincula a morte de Samuel a "unha manda"

O avogado da acusación popular, exercida polo colectivo LGTBI Alas Coruña, vinculou a súa morte a "unha manda". "Trátase dunha agresión en grupo, é unha manda o que houbo", sentenciou ante o Tribunal do Xurado da Audiencia Provincial da Coruña o letrado Mario Pozzo.

"Non estamos na Idade Media", asegurou tamén para remarcar que estamos en "unha sociedade diversa, xusta e igualitaria". "Non pode haber ningún tipo de acto delituoso porque se basee nunha crenza de superioridade", insistiu.

As defensas alegan falta de probas: "Non pode haber unha cacería xudicial"

As defensas dos cinco acusados pola morte de Samuel Luiz alegaron falta de probas para imputar aos seus clientes un delito de asasinato con agravante de aleivosía e asañamento, como piden as acusacións no xuízo que se celebra na Audiencia da Coruña.  

"Unha denuncia non é unha condena", aseverou un dos letrados, Manuel Ferreiro, que defende a A. M. R. Mentres, o avogado de D. M. M., o mozo que presuntamente iniciou a agresión, afirmou que "non pode haber ningún tipo de cacería, nin tampouco a xudicial", en referencia ao termo usado polo Ministerio Público.  

"Non o golpeou porque fose homosexual"

Alegando que o seu defendido estaba o día dos feitos "mamado", incidiu en que "que golpease a Samuel é desprezable, pero non o golpeou porque fose homosexual". "Quería lea, tomouna con Samuel como podía ser con calquera, non lle busquen unha explicación", expuxo ante o xurado, ao que explicou que pide a absolución, ao rexeitar que o seu cliente o golpease "durante seis minutos e en 180 metros".

Á súa vez, Luciano Prado, letrado de C. S. B., a quen, como ao primeiro, as acusacións súmanlle ao delito de asasinato a agravante de discriminación por orientación sexual, preguntouse: "Que pinta esta moza aquí?".  

"Non fai absolutamente nada", dixo para engadir que "esta nena nese momento tiña 19 anos e levaba tres meses de relación con ese mozo, era a primeira vez que saía coa súa cuadrilla", asegurou en referencia a D. M. M. Mentres, insistiu en que os tentou "parar" e descartou un rexeitamento da súa persoa aos homosexuais. "Leva tres anos condenada", criticou.

"Só acudiu para separar"

O avogado de K. A. S. C., José Ramón Sierra, cuxo cliente se enfronta a unha petición de 27 anos de prisión, por delito de asasinato con aleivosía e asañamento e roubo con violencia, polo móbil de Samuel, manifestou que o seu cliente só acudiu "para separar".  

"Nunca tocou nin golpeou a Samuel", afirmou sobre o seu defendido. "Verase na proba que as cuestións non son tan claras", recalcou en relación ás acusacións como testemuñais e vídeos.

"Será un imbécil, pero non un asasino"

Á súa vez, o avogado de A. M. R., Manuel Ferreiro, indicou tamén que "non hai probas, non hai unha soa persoa que sinale o meu cliente". Sobre os vídeos, asegurou que "ninguén o ve pegar, unha denuncia non pode ser unha condena".

"Será un covarde, un imbécil, pero non é un asasino", sentenciou noutra parte da súa intervención e sobre o seu cliente, en liberdade provisoria por estes feitos.

O avogado de A. F. G. sinalou que "non toda agresión con resultado de morte ten a mesma consecuencia xurídica". Así o aseverou David Freire ante o Tribunal do Xurado. "A inocencia presúmese, non é necesario probala", engadiu para argumentar que "a proba non é tan clara" contra o seu defendido. Tamén incidiu en que "non cabe imputación colectiva de feitos".

"Isto ten que ser un libro en branco", apostilou ante o xurado para insistir en que se debe ter en conta o que se expoña no xuízo. No caso do seu cliente, as acusacións solicitan unha pena de 22 anos de cárcere por delito de asasinato con aleivosía e asañamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade