Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vaga de roubos no concello do Incio

Vaga de roubos no concello do Incio

Roubaron un vehículo na rúa, unha furgoneta ás portas dun taller e entraron nunha cantina

As perdas xeradas suman en total uns 14.000 euros

G24.gal 16/10/2024 14:16

A habitual tranquilidade do concello lugués do Incio viuse alterada por unha vaga de roubos acontecida de madrugada. Todo apunta a que o primeiro foi nun taller mecánico, de onde os ladróns levaron unha furgoneta que estaba estacionada diante. Moi preto os ladróns levaron un quad que estaba estacionado na rúa, xusto ás portas da casa do seu propietario.

"Supoño que o remolcarían ou o cargaron noutro vehículo, porque pesaba uns 500 quilos".

Foi a súa muller a que puxo o aviso do roubo nas redes sociais buscando a colaboración cidadá. Pronto chegaron noticias do quad, pero non eran boas.

"Puxen en Facebook que desaparecera e xa nos mandaron unha foto del queimado en Maceda".

O quad apareceu calcinado no concello do Corgo, a uns 30 quilómetros do lugar do roubo. Ao vehículo, que estaba novo e valorado nuns 7.000 euros, faltábanlle pezas e para retirárllelas usaron ferramentas que estaban no interior da furgoneta roubada.

"Roubalo para despois queimalo non ten moita lóxica porque as pezas que lle quitaron tampouco tiñan tanto valor".

Tamén no Incio e na mesma noite os ladróns entraron a roubar nunha cantina. Sacaron o cilindro da porta e levaron dúas caixas rexistradoras, uns 600 euros en efectivo e uns 200 euros en lotaría. Aconteceu todo ao pé da estrada e en zonas con moitas vivendas polo que xerou medo e inseguridade entre os veciños.

"O medo que tes agora de noite porque xa non sabes o que pode pasar".

Preto da cantina, nun prado onde estiveron a facer piruetas, apareceu a furgoneta roubada, que xa foi recuperada polo seu propietario, que estima que os danos ocasionados e a ferramenta que roubaron do interior está valorada nuns 6.000 euros.

Uns e outros xa presentaron denuncia ante a Garda Civil, que está agora a investigar os feitos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade