42 voos foron cancelados e preto de 60 saíron con atraso por mor da folga de Ryanair
42 voos foron cancelados e preto de 60 saíron con atraso por mor da folga de Ryanair
A compañía aérea suspendeu as dúas conexións entre Santiago e Tenerife previstas para este domingo
A terceira xornada de folga en Ryanair comezaba no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago coa cancelación de dúas conexións. Os pasaxeiros que tiñan previsto saír ás 6 da mañá para Tenerife quedaron en terra e contan a súa experiencia.
Tivéronnos dúas horas alí no avión, non nos dan información ningunha, abóanche o diñeiro, pero que de che vale?
E despois unhas colas, dende as catro da mañá e é a unha menos vinte e con rapaces, sen almorzar, sen comer, perdemos a reserva do hotel, perdemos os traslados co coche, unha vergoña.
Tampouco aterrou o avión que debía chegar dende a illa canaria a media mañá. En España, como consecuencia do paro dos tripulantes de cabina foron cancelados hoxe 42 voos e 58 conexións saíron con atraso. Dende a terminal santiaguesa as conexións a Madrid e a Londres demoráronse.
Que reclame todo o mundo que tivo problemas, que teñen que compensar os danos,
Quéixanxse os pasaxeiros e tamén os traballadores en servizos mínimos. Agardan que a Audiencia Nacional se pronuncie o luns sobre o que consideran vulneracións do dereito á folga por parte da empresa. Raquel Díaz é tripulante de cabina da compañía.
Prefiren pagar multas que cumprir a lei porque poden facelo. Por exemplo, nós temos un caso que pasou aquí en Compostela, un voo que facía a ruta Santiago-Frankfurt e que quedaron tirados no aeroporto dentro do avión. Saíron hoxe á mañá vía Barcelona pasando toda a noite nun avión, dous pilotos e catro tripulantes. Dez horas traballando, tirados nun avión, que non lles dean aloxamento nin ningún tipo de dieta e que isto pasara desapercibido, non o podemos permitir.
Os seis membros da tripulación que pasaron a noite no aeroporto de Frankfurt sen saír do avión chegaron este mediodía a Santiago.