Máis de 450.000 persoas visitaron as Illas Atlánticas na tempada alta
Máis de 450.000 persoas visitaron as Illas Atlánticas na tempada alta
A conselleira de Medio Ambiente asegura que se aprecia un maior respecto por este patrimonio natural
Máis de 450.000 persoas visitaron as Illas Atlánticas do 15 de maio ao 15 de setembro. É un 1,5 % máis ca o ano pasado. O 65 % optou polas Cíes que estiveron cheas 88 días.
A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, considera un éxito a campaña porque di que "se conseguiu harmonizar o crecemento de visitantes co coidado do medio".
As persoas que se achegan ao Parque Natural son cada vez máis internacionais. Desta volta, viñeron dende Uganda, Polonia ou Corea do Sur.
Constatouse ademais un incremento da participación en actividades deportivas ou de voluntariado. Segundo o director do parque, Xosé Antón Fernández Bouzas, medrou un 13 % desde 2019.
Do mesmo xeito, salienta o ben que asimilou o público a ausencia de papeleiras no parque, pasaron de recoller 55.000 cabichas en 2006 a 500 este ano.
Tamén animou a visitar o parque fóra de tempada e avanzou que este ano haberá sorprendentes novidades no que atinxe á historia das nosas illas que aínda agochan importantes segredos.