Publicador de contidos
Publicador de contidos

46.500 alumnos fan as probas de avaliación da radiografía da educación en Galicia

46.500 alumnos fan as probas de avaliación da radiografía da educación en Galicia

Os tests son de carácter informativo e orientador, para que os centros coñezan o nivel dos alumnos

G24.gal 11/04/2024 14:22

46.500 alumnos de educación primaria e secundaria realizan estes días as probas diagnósticas fixadas polo Ministerio de Educación en lingua e literatura galega e castelá, matemáticas e lingua estranxeira.

Os exames teñen un carácter informativo e orientador para cada centro co obxectivo de coñecer o nivel dos alumnos, e así poder mellorar o sistema educativo. Os resultados coñeceranse no mes de xuño. 

Os alumnos de segundo da ESO do instituto Blanco Amor de Ourense examínanse de lingua estranxeira. Canda eles fano outros 25.000 alumnos de secundaria en toda Galicia. As probas son anónimas e de carácter voluntario. Aquí todos quixeron participar.

"O obxectivo é que se poida mellorar. Todo o que se poida mellorar, benvido sexa, por eles tamén, por nós como profesores, como docentes, saber en que temos que incidir máis. É unha diagnose de como está a situación actual. Sempre contando con que poidamos sacar conclusións que nos axuden de cara a outros cursos, claro", explica Magalí Baladrón, directora do IES Blanco Amor de Ourense.

Ademais dos alumnos de secundaria, nestas avaliacións de diagnóstico participan tamén 21.600 alumnos de cuarto de primaria. Búscase deste xeito coñecer o nivel dos estudantes en lingua e literatura galega e castelá, tamén en matemáticas e en lingua estranxeira. Hoxe é a segunda xornada de probas. Cada unha delas dura aproximadamente unha hora. 

"Lingua galega é a que mellor se me deu, sobre todo no oral; o que era máis ben escribir un texto déuseme algo peor, pero creo que se me deu ben. Non sei, xa se verá nos resultados"; "Son lecturas, audios, entón é fácil, son comprensións lectoras"; "Ben, depende da materia, hai algunhas que son máis fáciles e outras que non. Para min inglés, o máis difícil".

No proceso participan máis de 16.000 docentes, encargados de corrixir os exames nas vindeiras semanas. Haberá unha segunda corrección no mes de maio e esperan coñecer os resultados definitivos no mes de xuño. A idea é poder aplicar esas conclusións xa no vindeiro curso. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade