Publicador de contidos
Publicador de contidos

500 efectivos do Exército operan sobre o terreo en Valencia

500 efectivos do Exército operan sobre o terreo en Valencia

Súmanse aos 1.205 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) despregados na Comunidade Valenciana

A ministra de Defensa asegura que o Goberno vai incorporar "todos os que sexan necesarios e todo o tempo que faga falta" para axudar aos damnificados pola DINA

 

Efectivos do exército dirixíndose cara as zonas afectadas pola DINA (Foto: Ministerio de Defensa)
G24.gal 01/11/2024 09:39 Última actualización 01/11/2024 20:44

A ministra de Defensa, Margarita Robles, informou este venres de que 500 novos militares -300 do Exército de Terra, 100 de Aire e 100 da Armada-  xa están a traballar desde as 8 horas para axudar aos damnificados pola DINA na Comunidade Valenciana.

"O exército estivo desde o primeiro día e van estar os que fagan falta, sen ningún tipo de limitación de medios", segundo avanzou Robles nunha entrevista en TVE.

Desde esta mañá, 500 militares máis uníronse aos labores que desde o primeiro día realizan outros 1.205 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Os novos militares proceden do terzo de San Fernando; da EADA de Zaragoza, do escuadrón paracaidista de Alcantarilla, das unidades de policía militar de Bétera e do rexemento de cabalería de marines.

A eses 500 efectivos, o Goberno vai incorporar "todos aqueles que sexan necesarios en función das necesidades" e "onde faga falta, sen ningún tipo de limitación de medios".

"Hoxe en día o compromiso absoluto e total é que van estar en todas as localidades, con toda a potencia que ten o Exército, cos 120.000 homes e mulleres se fose necesario, con todos os medios materiais"; hoxe son 1.705, e "mañá" serán "os que sexan necesarios, os que faga falta, todo o tempo que faga falta".

A ministra recoñeceu que a magnitude da catástrofe provocada pola DINA é aínda difícil de calcular porque "hai lugares nos que hai vehículos que están uns encima doutros, con persoas, familias, que poden estar dentro".

Robles transmitiu toda a súa solidariedade aos afectados e recalcou que "se está facendo todo o que se pode e vaise seguir facendo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade