600 escolares xúntanse en Santiago co lema "Medrando en galego" para defender a lingua
A edición deste ano de 21 días co galego e máis clausurouse no Palacio de Congresos e Exposición de Galicia, en Santiago
Desde Marín a Valdeorras e desde Lugo a Ponte Caldelas, "Medrando en galego". Con ese lema, máis de 600 escolares de 10 colexios de toda Galicia chegaron hoxe a Santiago para festexar o seu compromiso coa lingua. Xa levan 21 días co galego, usando o idioma en todos os ámbitos da vida, nunha iniciativa para promover o uso da lingua entre os pequenos.
"Nos vimos de Cambre, dun centro de nenos castelanfalantes maioritariamente. Entón, o impulso da lingua galega é un dos nosos obxectivos. E foi ben, moitos chegaban á casa e dicíanlle aos pais que había que falar galego", dixo Mónica Martínez, profesora de galego.
"Fixemos obradoiros e tiñamos que falar galego. Pasámolo ben, e foi importante para practicar. É a nosa lingua oficial, materna, a que nos fai ser galegos", explicaban os nenos que participaron na edición deste ano de 21 días co galego e +.
Viñeron tamén do Barco de Valdeorras, cun 'Aí ven o maio' de Florencio Delgado Gurriarán, co que practicar o amor aos trazos dialectais, á "camisa verde con botois de amorodo" da primavera, desas mil primaveras máis que pediron para a nosa lingua.
Unha lingua que é cultura e patrimonio, dixeron os responsables da Consellería e da Real Academia. Lembráronlles que os nenos e as nenas son os herdeiros do legado de Castelao, da fala dos avós, e invitáronos a que manteñan o compromiso coa lingua máis alá destes 21 días.