Pechan matrícula 71 graos en Galicia tras a primeira chamada
Pechan matrícula 71 graos en Galicia tras a primeira chamada
Matemáticas e Física revalida como nota máis alta cun 13,614 sobre 14
Consulta aquí as notas de todos os graos das universidades galegas
Semana clave para moitos universitarios galegos. Hoxe deron comezo as probas extraordinarias da ABAU (Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade), pero tamén saíron as notas tras a primeira chamada.
En Galicia pecharon 71 carreiras das 184 que se ofertan entre as tres universidades: a de Santiago de Compostela (USC), a de Vigo (UVigo) e a da Coruña (UDC). É dicir, neste primeiro prazo, o 38,6 % encheron as súas prazas, o cal demostra, segundo Celso Rodríguez, presidente da CIUG, o interese do alumnado polos estudos universitarios.
As notas máis altas concéntranse en dous dobres graos que se ofertan en Santiago e conseguen superar o 13, que como ben explica Celso Rodríguez acontece porque teñen moi poucas prazas.
Matemáticas e Física convértese na nota máis alta cun 13,614 para as súas dez prazas. Pouco atrás queda Enxeñaría Informática e Matemáticas, que enche as súas doce prazas por riba do 13,310.
Medicina aumenta este curso a 403 prazas, pero segue a ter unha alta nota na primeira chamada, un 12,538. O campus compostelán pecha gran parte dos seus graos, dos cales, o 65 % supera o 10 na nota. O outro campus da USC, o de Lugo, pecha oito graos, e destaca Bioquímica cun 11,740.
Por parte da UDC, 31 carreiras dan o peche tras esta primeira chamada, 25 na Coruña e 6 en Ferrol. As notas máis altas destes campus son a simultaneidade de ADE e Dereito, cun 11,520 na Coruña, e Relacións Internacionais, cun 10,989 en Ferrol.
Non obstante, na UVigo está todo por decidir. Entre os seus tres campus (Vigo, Pontevedra e Ourense) non dá o peche ningunha carreira. Polo momento, destacan Enxeñaría Aeroespacial en Ourense (12,188), Enxeñaría Biomédica en Vigo (12,198) e Enfermería en Pontevedra (11,650).
A partir de mañá e ata o venres pódense matricular todos os mozos e mozas admitidos nas carreiras. Para aqueles que aínda están en espera na súa opción, a seguinte chamada será este sábado e haberá un total de nove ao longo dos próximos meses.