Oito de cada dez empresas teñen dificultades para contratar persoal cualificado
Oito de cada dez empresas teñen dificultades para contratar persoal cualificado
Segundo un informe de Manpower, o desaxuste entre a oferta e a demanda no mercado laboral incrementouse en 15 puntos desde o ano 2021.
Oito de cada dez empresas aseguran ter dificultades para cubrir postos cualificados, segundo os datos da empresa Manpower de traballo temporal. Postos, en moitos casos, con boas prestacións económicas.
Visitamos un taller do polígono industrial de San Cibrao das Viñas, especializado en vehículos híbridos, onde teñen dificultades para cubrir postos de mecánica, chapa, pintura, pero, sobre todo, en electromecánica.
José Vilarchao, Talleres Viper: "Tes que pensar que, por exemplo, no ciclo superior só hai 23 persoas, e no ciclo medio dous grupos de 23 que non abondan para cubrir as necesidades que temos agora mesmo".
Son casos, aseguran os empresarios, en que non se trata dunha cuestión de salarios.
Jorge Cebreiros, presidente da CEP: "Está pasando no sector tecnolóxico: non son os soldos máis baixos, todo o contrario, persoas cualificadas e con bos salarios. E non se están atopando programadores, técnicos en 'big data' ou en márketing dixital".
As axencias de emprego sinalan unha falta de adecuación entre a formación académica e a oferta real do mercado laboral.
César González, responsable de Emprego de CIMO. "As persoas que buscan emprego tamén teñen que facer unha adaptación ao mercado en que queren traballar: facer unha formación axeitada ao que está buscando a empresa, adaptar o seu itinerario laboral ás necesidades da empresa".
Segundo o informe de proxección de emprego de Manpower, oito de cada dez empresas teñen dificultades para atopar os profesionais que precisan.
Enrique Mallón, secretario xeral de ASIME: "En Galicia, xa só no sector do metal, precisariamos 800 profesionais para incorporar inmediatamente. E na industria naval e marítima, 500 profesionais".
Tamén inflúe, sinalan, a fuxida de talento. No noroeste de España é, segundo o informe, onde máis se acentúa o desaxuste.