Publicador de contidos
Publicador de contidos

O furacán Ian deixa 80 persoas mortas na Florida e Carolina do Norte

O furacán Ian deixa 80 persoas mortas na Florida e Carolina do Norte

O Exército comezou a retirar das rúas os restos das casas e dos barcos estragados

Biden visitará a zona o mércores e prometeu axudas para a reconstrución

G24.gal 02/10/2022 21:01 Última actualización 02/10/2022 21:48

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, visitará esta semana A Florida e Porto Rico para comprobar os estragos causados polo furacán Ian e para reunirse coas autoridades locais.

Biden prometeu toda a axuda que sexa precisa para buscar as persoas desaparecidas e reconstruír as zonas afectadas. O último reconto oficial fala de case 80 persoas falecidas na Florida e Carolina do Norte.

As imaxes aéreas mostran os estragos causados polo furacán na illa Sanibel e na praia de Fort Meyers, na Florida. Un dos ciclóns máis violentos da historia dos Estados Unidos, con ventos de 240 quilómetros por hora, arrasou centos de casas, danou edificios enteiros e desfixo barcos, pontes e estradas. Algunhas quedaron soterradas na area.

As autoridades confían en que moitas das 10.000 persoas desaparecidas estean acollidas nalgún lugar seguro pero sen poder comunicarse porque non hai luz nin teléfono. Só na Florida os equipos de emerxencia realizaron máis de 1.000 rescates.

O presidente dos Estados Unidos e a vicepresidenta solidarizáronse coa xente de Porto Rico, A Florida e Carolina. Biden, que visitará o mércores as zonas afectadas, prometeu toda a axuda que se precise durante o tempo que sexa necesario.

De momento, comezaron os traballos de limpeza para retirar das rúas os restos das casas e das embarcacións estragadas por un ciclón que se foi disipando nas últimas horas mentres se desprazaba cara a Virixinia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade