Oitenta e dous ultras serán xulgados a partir do 1 de decembro pola pelexa en que morreu Jimmy
Oitenta e dous ultras serán xulgados a partir do 1 de decembro pola pelexa en que morreu Jimmy
O fiscal pide para eles penas de ata dous anos e medio de prisión
O Xulgado do Penal 23 de Madrid celebrará a partir do 1 de decembro o xuízo contra os 82 ultras acusados de participar na liorta en que faleceu o seareiro do Deportivo da Coruña Francisco Javier Romero, Jimmy, para quen o fiscal pide penas de ata 2 anos e medio de prisión.
Trátase da peza principal do caso, a liorta multitudinaria que tivo lugar nos arredores do estadio Vicente Calderón o 30 de novembro de 2014, que se investigou á marxe da morte de Jimmy, que formaba parte dunha peza separada e que está pendente de que a Audiencia de Madrid decida se arquiva definitivamente unha vez que a xuíza non procesou persoa ningunha pola súa morte.
Máis de oito anos despois, o Xulgado ditou unha dilixencia, á que tivo acceso EFE, en que fixa 17 sesións ata o 28 de decembro.
A Fiscalía imputa a todos os ultras, pertencentes ao Frente Atlético e aos Riazor Blues, un delito de rifa tumultuaria coa agravante de discriminación ideolóxica, polo que pide entre un ano e nove meses de prisión, ademais da prohibición de acceder a recintos deportivos durante a condena.
A catro deles engádelles ano e medio por posesión ilícita de armas, mentres que a dous máis lles reclama ano e dez meses de cárcere por lesións e atentado. En global, as penas da Fiscalía oscilan entre os nove meses de prisión e os dous anos e medio de cárcere.
Pola súa banda, a Liga de Fútbol Profesional (LFP), que exerce a acusación popular, pide entre un e tres anos e medio de cárcere, aínda que precisa que as penas por algúns delitos poderían ser substituídas por multas que oscilan entre os 72.000 e 117.000 euros.
O escrito da fiscal, ao que tivo acceso EFE, sinala que o 30 de novembro de 2014 seareiros do Frente Atlético e dos Riazor Blues, con ideoloxías políticas contrarias, "convocáronse nas redes sociais" para acudir ás 09:00 horas ás inmediacións do estadio coa "única motivación de demostrar ao outro grupo a primacía do seu equipo e da ideoloxía con que se identifica".
Alí, os acusados "acometéronse reciprocamente" de "forma violenta, confusa, aleatoria e tumultuariamente" actuando "en todo momento en grupo" e "portando algúns deles armas prohibidas e instrumentos perigosos como paus de madeira, de aluminio, porras, bates de béisbol, navallas, mosquetóns, defensas extensibles", un "extremo coñecido e aceptado por todos os participantes".
Moitos dos acusados saíron feridos e tamén varios policías naquela pelexa en que faleceu Jimmy, sen que ata a data se atopase os autores materiais da súa morte.