Un cento de empresas galegas aplicaron un ERTE dende o inicio da guerra
Un cento de empresas galegas aplicaron un ERTE dende o inicio da guerra
O vicepresidente segundo da Xunta asegura que a provincia de Pontevedra é a máis afectada pola conxuntura económica
Francisco Conde aféalle ao Goberno "falta de cintura" na negociación coa Plataforma de Transportistas convocante do paro
Agarda que no Consello de Ministros do martes se dean "certezas" e se concreten medidas para paliar a "situación crítica" actual
O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegura que nestes momentos hai 98 empresas galegas e 4.200 traballadores acollidos a un ERTE en Galicia debido á situación económica agravada pola guerra en Ucraína e o paro dos transportes.
A maioría deles pertencen á provincia de Pontevedra e os sectores "forestal, industrial e agroalimentario" son os máis afectados.
"Lamentablemente temos 98 empresas que xa teñen solicitado ERTE e hai preto de 4.200 persoas nesta situación. Hai un impacto negativo claro dende o punto de vista laboral e nomeadamente neste caso na provincia de Pontevedra. Dous de cada tres traballadores que están en ERTE corresponden a esta provincia".
Paro do transporte
En concreto, sobre a xestión do paro no transporte de mercadorías por estrada, Conde aféalle ao Goberno "falta de cintura". Na opinión do vicepresidente segundo da Xunta, "estamos ante un exemplo de malas prácticas dende o punto de vista da negociación".
Para Conde, o Goberno está "improvisando" e "estalle faltando cintura para identificar medidas que non só beneficien ao sector do transporte senón ao conxunto de sectores afectados".
Consello de Ministros
De cara ao Consello de Ministros deste martes, o conselleiro de Economía di agardar "certezas e que os acordos se concreten en medidas".
Apuntou ao compromiso acadado na última Conferencia de Presidentes celebrada na Palma de redución de impostos, compromiso -lembrou- que non se materializou e contrapúxoo ás medidas que outros países da contorna europea están aplicando.
Segundo dixo, en España "levamos dúas semanas de atraso" na aplicación de medidas nunha "situación crítica dende o punto de vista económico".