15 días antes do inicio da campaña, PP e PSOE elevan o ton por Doñana e a vivenda
15 días antes do inicio da campaña, PP e PSOE elevan o ton por Doñana e a vivenda
O PSOE tilda de antisistema o PP por acusar a Comisión Europea de facer campaña por Pedro Sánchez
Feijóo acusa os socialistas de utilizar a Moncloa para facer campaña
15 días antes do arranque da campaña electoral, PP e PSOE endurecen o ton. Os socialistas atacan coa lei de vivenda e Doñana e lembran que ningunha comunidade pode incumprila. Se o fixese, advirten de que o Estado ten mecanismos de sobra para "facer respectar a legalidade".
O Partido Popular revólvese. Non aceptan que desde o Goberno deixen caer ameazas se non acatan a lei . "As comunidades autónomas do Partido Popular sempre cumpren a lei", lémbralle Gamarra ao Goberno. A secretaria xeral reclámalle a Pedro Sánchez que non faga "oposición" ás comunidades autónomas do PP con esta lei e se centre en pedirlle ao presidente da Generalitat, Peré Aragonés, que si cumpra a legalidade e defenda os "dereitos lingüísticos de todos os cataláns cando son vulnerados pola Generalitat de Cataluña".
Pero o debate vai máis aló. Os plans do Goberno andaluz en Doñana tamén son motivo de liorta.
O PP acusa a Comisión Europea de facer campaña con Sánchez e os socialistas tachan os de Feijóo de partido "antisistema".
Á esquerda do PSOE, os problemas son outros. Yolanda Díaz ultima o seu calendario de campaña, e todo indica que deixará só a Podemos nos sitios máis comprometidos para os morados, como Madrid ou Valencia. Si estaría en Galicia, Cataluña, Euskadi, Estremadura ou Navarra. Territorios onde os morados teñen listas conxuntas con Esquerda Unida e onde outros aliados de Sumar non se presentan.
A secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, di que non pode crer que haxa "alguén dentro do espazo de Podemos que queira que lle vaia mal nas eleccións".