Publicador de contidos
Publicador de contidos

O mozo que disparou contra Trump tiña material explosivo no coche e na casa

O mozo que disparou contra Trump tiña material explosivo no coche e na casa

O agresor, abatido por axentes do Servizo Secreto, matou un asistente ao acto e feriu dúas persoas de gravidade

O expresidente recibiu un impacto de bala na orella dereita que lle resgou a parte superior

Joe Biden condenou o ataque nunha declaración televisada e falou por teléfono co seu rival

Trump co puño en alto tras o ataque. REUTERS/Brendan McDermid
G24.gal 14/07/2024 08:19 Última actualización 14/07/2024 21:00

As forzas de seguridade atoparon dispositivos con material explosivo no vehículo do presunto francotirador, aparcado preto do lugar onde Trump daba o mitin, e tamén na súa vivenda, en Bethel Park, no mesmo estado de Pensilvania.

Un veciño di que non o coñecía, que non recorda nin velo, aínda que dá por feito que tivo que pasar pola rúa. Outro explica que é impactante espertar pola mañá e atopar o barrio tomado e saber polas novas o porque.

A Thomas Matthew Crooks tardaron unhas horas en identificalo porque non portaba ningún documento cando foi abatido. Agora sábese que o fusil semiautomático que empregou no atentado foi adquirido de forma legal polo seu pai.

Investigan os motivos

Porén, continúan investigando as súas motivacións e se tivo ou non cómplices. O fiscal do distrito de Butler, onde se produciu o atentado, di que de momento nada o indica pero que hai que confirmalo.

O mozo, de 20 anos e sen antecedentes, disparou contra Trump desde un tellado, a 140 metros do escenario en que estaba o expresidente, ao que feriu levemente nunha orella. 

Imaxe de Thomas Matthew Crooks. REUTERS Imaxe de Thomas Matthew Crooks. REUTERS

"Non teremos medo"

Tras recibir atención nun hospital local, o magnate de 78 anos voou de volta a Nova Jersey. Segundo explicou na súa propia rede, Truth Social, a bala resgoulle a parte superior da orella dereita. O seu equipo confirmou que se atopa ben.

"Grazas a todos polos pensamentos e oracións onte. Coma se tivese sido Deus só o que evitou o impensable de que pasase. Non teremos medo, senón que nos manteremos fortes na nosa fe e desafiantes fronte ao mal", asegurou.

Tamén recordou os tres asistentes ao mitin alcanzados polas balas. Un deles, un bombeiro de 50 anos, morreu e os outros dous quedaron feridos graves.

Medidas de seguridade

O servizo secreto desmentiu os rumores de que o equipo de Trump lle pedira seguridade adicional para este encontro con seguidores e que lla denegaran. De feito, asegura que ampliaron os recursos desde que subiu o ritmo de campaña.

Persoal de seguridade atende a Trump. REUTERS/Brendan McDermid Persoal de seguridade atende a Trump. REUTERS/Brendan McDermid

Condena de Biden

O presidente de Estados Unidos, Joe Biden, telefonou o seu rival pouco despois do acontecido. Tamén falou co gobernador de Pensilvania, Josh Shapiro, e co alcalde de Butler, Bob Dandoy.

O mandatario regresou a Washington antes do previsto desde Delaware e condenou a agresión nunha declaración televisada. 

"Non hai lugar nos Estados Unidos para este tipo de violencia, é enfermizo, enfermizo; é unha das razóns polas que temos que unir este país. Non podemos permitir que isto estea pasando, non podemos ser así, non podemos tolerar isto", afirmou.

Ademais, dixo que todo o mundo debe condenar a violencia.

"O mitin de Trump tiña que facerse pacificamente, sen problemas. A idea de que haxa violencia política nos Estados Unidos é simplemente incrible. Todo o mundo, debe condenalo. Todos", reiterou.

Biden durante a declaración televisada

Intento de magnicidio

A Casa Branca indicou que o presidente está a recibir informes actualizados das autoridades de Seguridade Nacional e policiais encargadas da investigación, tratada como un intento de magnicidio.

O mitin celebrouse días antes da Convención Nacional Republicana prevista, desde este luns e ata o xoves en Milwaukee (Wisconsin), na que se confirmará o nomeamento de Trump como candidato republicano.

Efectos na campaña

A maior parte de analistas electorais norteamericanos coinciden ao sinalar que o atentado converte a Donald Trump nun mártir, nun heroe, que vai arrasar na convención republicana que comeza este luns en Wisconsin.

O xefe de campaña de Trump asegurou este domingo que os comentarios "noxentos" dos activistas de esquerdas, dos doantes demócratas e do propio Biden son os culpables do atentado.

E mentres, Joe Biden segue mantendo que é o único candidato demócrata que lle pode gañar a Trump, aínda que cada día que pasa sexan máis os demócratas que o dubidan.

Membros dos Servizos Secretos na Casa Branca. REUTERS/Nathan Howard Membros dos Servizos Secretos na Casa Branca. REUTERS/Nathan Howard

Reaccións internacionais

As redes sociais enchéronse de mensaxes de condena e apoio o expresidente chegados de líderes mundiais e de outros persoeiros.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, tamén se pronunciou a través da plataforma X. Segundo subliña, "a violencia e o odio non teñen cabida nunha democracia".

Na mesma rede, o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou a "moderación" e lamentou que "haxa quen prefira disparar a votar para defender a súa ideoloxía".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade