Uns 450 estudantes realizan a ABAU con adaptacións en Pontevedra
Uns 450 estudantes realizan a ABAU con adaptacións en Pontevedra
Dezaseis deles afrontan un reto aínda maior pola súa discapacidade física ou intelectual e atopan apoio no centro de Recursos Educativos da ONCE
Preto de trece mil estudantes galegos afrontan desde hoxe a ABAU, a proba de acceso á Universidade. Teñen por diante tres días de exames, que comezaron con lingua galega e literatura. Había nervios e moita emoción entre os aspirantes. As probas fanse en 36 centros dunha decena de localidades galegas. É o último ano co modelo de probas actual. O curso que vén, a avaliación vai volver cambiar tras a enésima reforma educativa.
Entre eses 13.000 alumnos hai 455 estudantes con adaptacións facendo as probas. Un 36 % máis que o ano pasado. E deles, 16 afrontan un reto aínda maior pola súa discapacidade física ou intelectual. Precisan apoio. E o atopan no centro de Recursos Educativos da ONCE.
Sara Bugallo estuda no instituto de Mos e quere ser profesora de historia. Sofre de parálise cerebral. Fai o exame nun cuarto de xeito individual e ao ditado. Ela explica: "Coas miñas capacidades ao escribir tardo máis que os meus compañeiros así que cando descubrimos que podiamos facer o exame ao ditado foi unha satisfacción para min, xa que mellor falar que escribir, no meu caso"
Canda ela están outros 15 alumnos con espectro autista, problemas de mobilidade ou na vista. Como Roi López, que busca nota para entrar en Física. Di que lle molesta a luz "e vexo mal. Entón necesito un exame máis grande e nalgún caso o ordenador para ampliar algunha imaxe".
A todos se lles dá apoio. Mateo González ten dispraxia e cústalle escribir. Necesita facelo en ordenador e tempo extra na súa aposta por Filoloxía Inglesa. "Teño unha sensación de alivio porque xa sabes como vai, como funciona e non é tan complicado como din". Asegura despois do primeiro exame.
O Delegado do reitor da UVigo na CIUG, Iván Area destaca que "o importante é que son nenos e nenas que teñen que facer unha proba e nós temos que intentar que fagan as probas nas mellores condicións posibles. O exame é o mesmo que o do resto dos estudantes galegos".
Apoio técnico que precisan tamén aspirantes de última hora. Como Diego Estévez, que rompeu o brazo xogando o fútbol en maio. Non pode escribir, pero este tribunal especial permítelle facer a proba en tempo, cun ordenador. Agarda entrar en Enfermería.
O importante é non perder ningún talento.