A ABAU 2024 de Galicia chega á súa fin
A ABAU 2024 de Galicia chega á súa fin
As notas publicaranse o vindeiro xoves día 13
O alumnado coas mellores puntuacións será recoñecido nun acto o venres 21 na Coruña
A Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) de Galicia 2024 concluíu con poucas incidencias rexistradas ao longo dos seus tres días de celebración. Este xoves, última xornada, expulsouse un alumno en Vigo por empregar un móbil para copiar.
Cabe lembrar que a CiUG, entidade organizadora das probas, pasa detectores de frecuencias por todas as aulas para evitar o uso de dispositivos electrónicos. Por iso, pídese "responsabilidade" aos alumnos e que vaian cos móbiles desactivados. Nalgunha ocasión, este ano si que se detectou algún teléfono, aínda que só no caso de Vigo se adoptou a medida da expulsión.
A este episodio hai que sumar un erro ocorrido o martes, co primeiro exame. Nunha das comisións, en lugar do sobre co modelo de Lingua Galega abriuse o de Lingua Castelá, que non tocaba ata o mércores.
Por tanto, a CiUG tivo que activar o protocolo, coller o exame substituto de Castelán e volver facer outras 13.000 copias para distribuír ao día seguinte por toda Galicia.
Con todo, con carácter xeral, a ABAU 2024 foi máis tranquila que anos anteriores en canto a este tipo de incidencias. A deste ano será a última selectividade co modelo covid-19, que permite máis opcións á hora de responder as preguntas do exame. A próxima, tras a reforma que promove o Goberno central, estará máis concibida como unha proba de competencia e de madureza.
Na tarde deste xoves, a CiUG está xa recibindo os sacos coas decenas de miles de exames realizados nestas tres xornadas para poder distribuílos entre os correctores. En total, había máis de 13.400 alumnos matriculados na selectividade deste ano.
As primeiras notas coñeceranse o vindeiro xoves, 13 de xuño. Serán provisionais, debido a que a partir de entón se abrirá un prazo duns días para que os estudantes poidan reclamar e solicitar segundas correccións.
A finais de xuño abrirase o prazo para que os mozos, unha vez coñezan as súas cualificacións definitivas, soliciten a preinscrición nun grao universitario.
Galardóns ás mellores notas
Así mesmo, como novidade este ano, o vindeiro venres 21 de xuño o Coliseum da Coruña acollerá un acto de recoñecemento aos alumnos con mellores notas na fase xeral da ABAU.
Á diferenza de cursos pasados, nos que este evento o organizaba a Universidade de Santiago de Compostela (USC), será conxunta entre as tres universidades públicas galegas e a Xunta.
Segundo fontes da CiUG, daráselle "unha volta" a esta gala. Por exemplo, farase en horario de mañá cando adoitaba ser de tarde. Ademais, á parte dos propios alumnos premiados, que recibirán un diploma, irán profesores para recoller unha placa que recoñecerá o labor dos centros.