A Alta Velocidade chega a Asturias
A Alta Velocidade chega a Asturias
O rei preside a inauguración dos 50 quiómetros da Variante de Pajares
A obra reduce en máis dunha hora a conexión entre Oviedo e Madrid
O Alvia chegou á estación de Oviedo ás cinco menos cuarto da tarde, tres horas e dez minutos despois de saír de Madrid. A bordo, o rei, o presidente do Goberno e os mandatarios asturiano e castelán-leonés.
A alta velocidade entraba así en Asturias acurtando en máis dunha hora o tempo de viaxe ata a capital de España.
"Obras coma esta son as que nos permiten subir a outro tren, o da modernidade, que tantas veces perdemos ao longo da nosa historia", dixo o ministro de Transportes Óscar Puente.
A chegada da alta velocidade a Asturias esixiu a obra de enxeñería máis complexa executada nunca en España. O 80 % dos 50 quilómetros da variante de Pajares discorren baixo terra ou por viadutos, incluído un túnel de case 25 quilómetros, o segundo máis longo de España e o sétimo de Europa.
"Este é un día para a historia", dixo o presidente asturiano, Adrián Barbón, "porque estamos ante unha obra de titáns". Alfonso Fernández Mañueco, presidente da Xunta de Castela e León, salientou: "É unha infraestrutura que nos abre portas ao futuro".
A obra tardou 19 anos en executarse e custou máis de 4.000 millóns de euros.
O presidente do Goberno subliñou: "Tanto Asturias como Castela e León ábrense a novos investimentos e, por tanto, a novas oportunidades. É tamén unha man tendida para unir un país orgulloso da súa diversidade".
A liña comezará a funcionar de xeito regular este xoves. Renfe xa vendeu 70.000 billetes e espera que o ano que vén circulen por ela máis dun millón de pasaxeiros, un 42 % máis que este ano.