Publicador de contidos
Publicador de contidos

A alta velocidade entre Galicia e Lisboa custará entre 7.000 e 8.000 millóns

A alta velocidade entre Galicia e Lisboa custará entre 7.000 e 8.000 millóns

Está prevista unha terceira fase do proxecto para unir Lisboa co futuro aeroporto da cidade

O alcalde da capital critica este proxecto asegurando que preferiría a conexión ferroviaria con Madrid

Estímanse uns 12 millóns de viaxeiros anuais coa nova conexión Valença-Lisboa

G24.gal 18/01/2024 19:23

Entre 7.000 e 8.000 millóns de euros custará a liña ferroviaria de alta velocidade entre Lisboa e Valença, na fronteira con Galicia, segundo indicou este xoves o secretario de Estado de Infraestruturas de Portugal, Frederico Francisco.

"Non teño unha cifra rigorosa, pero o investimento global entre Lisboa e Valença, se incluímos a segunda fase da conexión O Porto-Valença debe de andar polos 7.000 ou 8.000 millóns de euros", apuntou Francisco sobre este proxecto, cuxo concurso para a primeira fase foi publicado o venres.

O responsable explicou que cada tramo licitado custará uns 2.000 millóns de euros. Estes incluirán conexións entre O Porto-Oiã, Oiã-Soure, Soure-Carregado, Braga-Valença, que contemplarán a unión do Porto co seu aeroporto, e finalmente, aeroporto-Braga.

Está previsto para a terceira fase do proxecto o acceso a Lisboa, que se materializará unindo a liña de alta velocidade co futuro aeroporto da capital. A localización deste aínda está por determinar.

Dependendo da futura localización do aeroporto, segundo explicou Francisco, o acceso da liña de alta velocidade irá pola marxe dereita ou esquerda do río Teixo. Manterase sempre a posibilidade de que os trens cheguen a Lisboa pola liña do norte, cuxa capacidade se verá cuadruplicada na capital para acoller este proxecto.

Con respecto ás críticas que o alcalde de Lisboa, Carlos Moedas, fixo sobre esta iniciativa, xa que segundo dixo, preferiría que primase a conexión con Madrid antes que co Porto ou con Vigo, o secretario de Estado opinou que "non ten sentido".

Baseándose "o máis posible" nos estudos feitos sobre a demanda, Francisco subliñou que "a conexión O Porto-Lisboa ten unhas estimacións de demanda moito máis superiores que a de Lisboa-Madrid".

As estimacións sinalan que habería uns 12 millóns de pasaxeiros anuais para O Porto-Lisboa fronte "a un millón ou millón e medio" entre a capital lusa e Madrid.

O responsable detallou que as análises apuntan a que a liña de alta velocidade entre O Porto e Lisboa captarán ao redor dun millón de pasaxeiros de avión, así como do transporte por estrada.

Actualmente "fanse máis de 100 millóns de viaxes de automóbil entre O Porto e Lisboa e as cidades intermedias", remarcou.

Francisco defendeu que os estudos sobre o proxecto de alta velocidade entre Lisboa e Vigo demostran que "non hai ningunha outra intervención na rede ferroviaria nacional que consiga producir o tipo de cambios ou de transformación na forma en que se realiza o transporte ferroviario e o transporte en xeral no país".

Para este responsable, a liña de alta velocidade voi modificar, ademais do tempo das viaxes, a oferta. Coa demanda estimada e cuns 60 servizos diarios en cada dirección, segundo anunciou, isto suporá a posibilidade de ter máis dun tren cada media hora en ambos sentidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade