Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ibrahima e Magatte, que lle acudiron a Samuel: "Non podía defenderse, recibiu unha malleira"

Ibrahima e Magatte, que lle acudiron a Samuel: "Non podía defenderse, recibiu unha malleira"

As amigas de Samuel confirman insultos de "maricón de merda" por parte de dous acusados

Tanto a amiga que estaba con el no momento da agresión como a que estaba ao teléfono negan que a moza por aquel entón de D. M. fixese algún intento por apartalos 

G24.gal 18/10/2024 10:42 Última actualización 18/10/2024 14:09

Un dos senegaleses que tratou de auxiliar a Samuel Luiz, Ibrahima Diack, declarou que había "un grupo de mozos pateando" a Samuel Luiz cando eles chegaron ao lugar dos feitos, na madrugada do 3 de xullo de 2021. "Non podía defenderse", expuxo no xuízo, na Audiencia da Coruña, para incidir en que "estaba cheo de sangue".

Tamén confirmou que golpearon continuamente a Samuel no traxecto que houbo desde o lugar inicial da agresión, o exterior dun local de lecer, ata o sitio onde Samuel cae por segunda vez ao chan tras unha persecución polo paseo marítimo por parte de persoas participantes na agresión, segundo as acusacións e o ratificado por esta testemuña e a amiga de Samuel na súa declaración.

"Pensamos que era unha pelexa, vimos a un mozo no chan ao que lle estaban dando patadas", dixo sobre o primeiro momento da agresión. "Eu agarreino para parar, pero os mozos estaban a rodealo", manifestou para identificar, a preguntas da fiscal, a un dos acusados, A. F. G., ao que dous procesados situaron como a persoa que agarraba a Samuel polo pescozo.

Ibrahima, que tamén recibiu golpes, explicou que "colleu" á vítima mentres Magatte, o outro senegalés que acudiu en auxilio da vítima, estaba detrás para "evitar" que os demais non puidesen alcanzar a Samuel nin a el no traxecto desde o exterior do local a outra zona do paseo marítimo, onde, segundo reiterou, seguiron os golpes.

"Perseguíannos sen parar"

"Perseguíannos sen parar, se paran Samuel non cae onde caeu, levou un golpe que lle levou ao chan", expuxo para indicar que os participantes logo fóronse. "Estaba cheo de sangue, tiñamos medo, nunca viramos algo así", recalcou sobre o vivido.

"Vino dúas veces no chan, a segunda non se levantou máis", engadiu. A preguntas dunha das defensas, admitiu que na roda de recoñecemento só recoñeceu a "un" dos cinco acusados. Mentres, dixo que non oíu insultos de "maricón".

Samuel recibiu "unha malleira"

Á súa vez, Magatte Ndiaye, que tamén tentou axudar, manifestou que viu "unha malleira", con "sete ou oito persoas" que golpeaban á vítima. "Eu paso para diante para tentar frealos", engadiu sobre os primeiros momentos.

Xa nos últimos instantes, corroborou que seguiu a agresión e que cando os agresores paran a vítima estaba xa no chan. No seu caso identificou a pedimento dunha partes aos acusados. As defensas, á súa vez, incidiron en que en sede policial non os recoñeceu, algo que el negou.

A amiga que acompañaba a Samuel escoitou: "Voute matar, maricón de merda"

Antes da declaración dos dous cidadáns senengaleses prestou testemuño a amiga que estaba con Samuel Luiz o día da súa morte. Ratificou que dous dos acusados se referiron á vítima con insultos de "maricón de merda". Eran tanto C. S. como a súa parella naquel momento D. M., a persoa que, segundo as acusacións, iniciou a agresión.  

A amiga de Samuel referiuse a el asegurando que se vía que era "diferente" pola súa maneira de xesticular e de vestir, deixando claro que non ocultaba en ningún caso a súa orientación sexual.

Sobre o momento anterior, dixo que o que se considera autor dos primeiros golpes díxolles que parasen de "gravar". "Seguiron camiñando cara a nós e, ao intre, empezou a dicir 'para de gravar maricón de merda' a Samuel máis que a min que era a que levaba o teléfono".  

Ademais, ratificou que escoitou, por parte deste acusado, "voute matar", cando Samuel lle preguntou "por que maricón de merda?". Entón, engadiu, que D. M. "lanzouse" sobre a vítima, sumándose outra persoa.  

"A xente rodeaba a Samuel", relatou Lina, ao explicar que os golpes iniciais recibiunos o seu amigo por parte de D. M. e que, logo, outro o agarrou polo pescozo, persoa á que tanto C. S. como A. M. identificaron como o acusado A. F. G.  

De C. S., expuxo que estaba "agresiva". "Eu metinme e tiroume ao chan, díxome ti lárgate de aquí que non pintas nada, estou segura que mo dixo a min", sinalou despois de que a acusada afirmase que esas palabras eran para a súa exparella. "Non foi para protexerme, foi nun ton discriminante".

"Logo veu moitísima xente e non puiden meterme", explicou Lina visiblemente emocionada, a preguntas da fiscal, sobre se había máis persoas pegando. Tamén precisou que a ela axudoulle unha parella para levantarse e logo "un mozo senegalés" quen "colleu e mantivo en pé" a Samuel para iniciarse logo o que ratificou como unha "persecución", a preguntas do Ministerio Público.

"En cuestión de segundos xa estaba no chan"

"Pensamos que ía acabar todo e por iso Samuel pediume que lle fose a por o móbil". Con todo, dixo que ao ver persoas correndo intuíu "que ían a por el outra vez" e pediu axuda.

"Fun correndo e en cuestión de segundos xa estaba no chan" o seu amigo. Isto en relación ao traxecto que houbo desde o exterior do local de lecer onde se iniciou a agresión e a persecución que, segundo as acusacións, houbo durante un tramo do paseo marítimo coruñés con golpes á vítima. Alí viu a Samuel "derrubado".

Ao outro lado do teléfono, outra amiga confirma os insultos

Na mesma liña que Lina, outra amiga, Vanesa, coa que estaban a facer a videochamda corroborou, como a anterior, que escoitou "deixa de gravar, voute matar, maricón de merda".

"Escoitaba os berros pedindo axuda", precisou sobre Lina, pero non escoitou a ninguén máis pedindo que parasen, desmentindo a versión de que C. S lle pediu ao seu mozo daquela, Diego, que parase.

"Vin de esguello que alguén o estaba aguantando", explicou. Tamén asegurou que viu a moita xente, pero que se cortou a chamada cando a súa amiga bota a correr.

Tanto para C. S. como para D. M. , aos que atribuíu os insultos de "maricón", pídense penas de 25 anos de cárcere por asasinato con aleivosía e asañamento e agravante de discriminación por orientación sexual. Para A. M. R. e A. F. G. solicítanse 22 anos de cárcere por asasinato con aleivosía e asañamento e para K. A. S. 27 anos de cárcere polo presunto roubo do móbil da vítima.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade