Prorrogan a prisión provisional dun condenado por matar a súa veciña en Vigo en 2022
Prorrogan a prisión provisional dun condenado por matar a súa veciña en Vigo en 2022
O ministerio público xustificou a prórroga alegando que había risco de fuga
O procesado, sentenciado a 20 anos de cadea, terá que permanecer en prisión polo menos ata o 2032
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, prorrogou a situación de prisión provisional dun condenado por matar a súa veciña na rúa Zamora de Vigo en 2022.
Segundo trasladou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), prorrogouse ata a metade dos 20 anos de condena imposta no procedemento, é dicir, ata o 23 de outubro de 2032.
O Ministerio Público defendeu a prórroga alegando que había risco de fuga derivado das elevadas penas de prisión que lle foron impostas na sentenza ditada en outubro de 2023.
Na vista, celebrada esta semana, a defensa de Pablo P. pedía a súa liberdade provisoria despois de cumprir dous anos de prisión ao considerar que non había "indicios de risco de fuga". Ademais, ten pendente un recurso presentado ante o Tribunal Supremo en contra da sentenza ditada polo TSXG confirmando o fallo da Audiencia Provincial.
O procesado, un sexaxenario, foi condenado a 20 anos de prisión por asasinar á súa veciña a coiteladas en outubro de 2022 nun edificio da rúa Zamora. Ambos tiñan "problemas de convivencia" debido aos ruídos que o procesado lle imputaba á súa veciña.
O día dos feitos, a vítima pasou por diante do estudo do seu veciño e, cando estaba a abrir a porta da súa casa, o acusado achegóuselle por detrás con intención de causarlle a morte, portando un coitelo vermello.
O xurado considerou acreditada a existencia de aleivosía, que serve para cualificar o homicidio como asasinato, pois subliñou que o ataque coa arma branca "produciuse estando a prexudicada de costas, de maneira sorpresiva e repentina", de modo que a muller "nada puido facer para defenderse". O xurado considerou que houbo asañamento.