A app galega para deixar de fumar acada un 70% de éxitos
A app galega para deixar de fumar acada un 70% de éxitos
Esta desenvolvida pola prestixiosa Unidade de Tabaquismo da USC
O programa para deixar de fumar da facultade de Psicoloxía da USC é un referente desde que botou a andar a mediados dos anos 80. Pero agora conta cunha nova ferramenta. Desenvolveu unha app na que desde setembro deron atención psicolóxica personalizada a preto de 100 adictos o tabaco. Os resultados son moi prometedores.
"Preto do 70% das persoas que realizaron o tratamento deixaron de fumar. É unha porcentaxe moi elevada en relación a outros tratamentos que tamén son eficaces como algúns tipos de fármacos. A nosa abstinencia é superior e non ten ningún tipo de efecto secundario", asegura a coordinadora da unidade, Ana López Durán.
O programa dura de media oito sesións semanais e o paciente adoita deixar de fumar na quinta ou sexta. A través da app seguen varias fases, tanto se logran a abstinencia como se non.
"Hai distintas actividades que están relacionadas cos compoñentes do tratamento desde facer o rexistro de cigarros ata aplicacións para poder facer as técnicas de respiración e relaxación que traballamos", explica López Durán.
Tamén ten contidos para que as persoas que se manteñen abstinentes eviten as recaídas. Outros para que os que recaeron volvan a intentalo. Incluso para que as que non conseguiron deixar de fumar non dean por pertida a batalla contra o cigarro.
Aínda están a tempo de apuntarse. Poden facelo chamando o teléfono 881 81 39 39 ou contactando no correo ana.lopez@usc.es O proxecto desta app para deixar de fumar está financiado polo Ministerio de Sanidade e remata en 2023.