Publicador de contidos
Publicador de contidos

PNV e socialistas aproban o acordo para gobernar en Euskadi

PNV e socialistas aproban o acordo para gobernar en Euskadi

Os nacionalistas din que as negociacións van ben, pero que aínda non están pechados todos os detalles

G24.gal 17/06/2024 20:27 Última actualización 17/06/2024 21:44

A Asemblea Nacional do PNV e a militancia do PSE-EE aprobaron este luns o acordo para o próximo Goberno Vasco de coalición.

O máximo órgano do PNV entre Congresos referendou por unanimidade o acordo cos socialistas vascos. A militancia do PSE aprobou tamén a reedición da coalición de goberno.

O 96,18 por cento dos militantes socialistas vascos que participaron na votación (3.375 afiliados) apoiaron o acordo co PNV, mentres que se pronunciaron en contra o 2,91 % (102) e o 0,91% foron votos en branco (32).

Participaron na votación un 72,04 % dos 4.871 afiliados que integraban o censo, segundo informou o partido.

Á súa chegada á reunión da Asemblea Nacional, celebrada na sede do PNV en Bilbao, o candidato a lehendakari, Imanol Pradales, afirmou que "todo vai ben" nas negociacións co PSE-EE, pero aínda non están pechados "todos os flocos" cos socialistas.

Asegurou que afronta os preparativos para o debate de investidura do próximo xoves no Parlamento Vasco "con moitas ganas e traballando".

"Pouco podo adiantar porque non están pechados todos os flocos co PSE... Todo vai ben, e en canto pechemos o acordo será o momento de falar doutras cousas", sinalou Pradales.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSE-EE, Eneko Andueza, declarou que o novo Goberno Vasco está aínda "sen definir".

Sobre o acordo co PNV, dixo que "representa perfectamente a filosofía, idiosincrasia e os piares fundamentais" cos que os socialistas vascos se presentaron ás eleccións.

O preacordo subscrito o pasado 10 de xuño, de 11 páxinas e titulado 'Bases para o Acordo para avanzar en benestar, progreso, autogoberno e a transformación dunha Euskadi global', recolle principios e obxectivos globais do próximo Goberno Vasco.

No capítulo de autogoberno, os dous partidos comprométense a completar o actual Estatuto de Gernika e á elaboración dunhas "bases para elaborar un novo pacto estatutario", que partirán do acordo entre o PNV e o PSOE para a investidura de Pedro Sánchez.

A sesión de investidura do novo lehendakari celebrarase o xoves 20 de xuño, e con este pacto Pradales sairá elixido con maioría absoluta na primeira votación. A xura do cargo será o sábado 22 de xuño na Casa de Xuntas de Gernika.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade