Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bardem reivindica "a escoita fronte ao odio" ao recibir o Premio Donostia 2023

Bardem reivindica "a escoita fronte ao odio" ao recibir o Premio Donostia 2023

Dedicoulle o galardón especialmente á súa parella, Penélope Cruz, aos seus fillos e a súa nai

REUTERS/Vincent West REUTERS/Vincent West
G24.gal 21/09/2024 08:30 Última actualización 21/09/2024 09:47

Trinta anos despois de quedar sen palabras ao recoller a súa Cuncha de Prata ao mellor actor en San Sebastián, Javier Bardem recibiu este venres o Premio Donostia reivindicando "a mirada" e "a escoita" en tempos en que "é máis doado odiar".

Bardem dedicoulle o galardón especialmente á súa parella, Penélope Cruz, que o acompañou na gala de inauguración do 72 Festival de San Sebastián, aos seus fillos Leo e Luna e a súa nai, Pilar Bardem, falecida no 2021.

O premio, correspondente á edición de 2023 e que non puido recoller pola folga de actores en Hollywood, recibiuno das mans do seu "mestre", o profesor de interpretación e director de teatro Juan Carlos Corazza, na compaña dos seus irmáns Mónica e Carlos Bardem.

"Juan Carlos ensíname todos os días unha lección humana, a importancia de respirar, sentir a planta dos pés, mirar e escoitar o outro, algo máis importante que nunca, non só porque estamos rodeados de móbiles e pantallas senón porque é máis fácil odiar", sinalou desde o escenario do Kursaal.

A el, que o acompañou en "case todos" os seus traballos, dixo deberlle o feito de descubrir a dificultade de facer o traballo dunha maneira "digna", desde "a verdade e a honestidade" e lonxe de prexuízos, complexos, odios ou rabias que "nos afastan das persoas".

Bardem, que asistiu por primeira vez ao festival en 1993 para presentar Huevos de oro, agradeceulles aos irmáns coidalo cando a súa nai non estaba, porque tiña que traballar, e aos seus fillos pediulles "que non se traizoen, que sexan honestos consigo mesmos e non fagan dano a ninguén".

Referente internacional

Actor camaleónico e comprometido, referente internacional, foi seis veces gañador do premio Goya e acadou un Óscar polo seu papel no filme No es país para viejos.

Corazza salientou que o seu amor ao oficio está "igual de vivo" que cando chegou con 20 anos ás súas clases, "cheo de entusiasmo e curiosidade".

A gala estivo aderezada polo humor de Andreu Buenafuente e Berto Romero que non deixaron escapar a oportunidade de poñer algunha nota crítica mencionando a proliferación de apartamentos turísticos na cidade ou o "empeño" do presidente Milei en "silenciar o cinema arxentino".

Entre os asistentes estiveron a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, o de Economía, Carlos Corpo e o de Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López.

Tamén se entregou o premio FIPRESCI da crítica a Pobres criaturas de Yorgos Lanthimos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar