Os asesores fiscais, de acordo en recorrer o imposto ás grandes fortunas
Os asesores fiscais, de acordo en recorrer o imposto ás grandes fortunas
O delegado da AEDAF en Galicia, Alberto Vázquez, considera acertada a decisión da Xunta de Galicia de presentar recurso ante o Tribunal Constitucional
O delegado da Asociación Española de Asesores Fiscais en Galicia, Alberto Vázquez, considera acertada a decisión da Xunta de Galicia de presentar recurso ante o Tribunal Constitucional contra o imposto temporal de solidariedade ás grandes fortunas aprobado polo Goberno central. Un tributo que grava os patrimonios de contías superiores aos tres millóns de euros.
Segundo explica o delegado da AEDAF en Galicia nunha entrevista no Galicia por diante, "configúrase un tributo cuxa configuración coincide coa que temos no imposto sobre patrimonio. O principal problema que temos é a posible intromisión das competencias normativas das comunidades autónomas".
"Desde a AEDAF vemos problemas de forma e de fondo. Así de fondo, grava un feito impoñible moi similar por non dicir idéntico ó que temos no patrimonio que teñen transferidos as comunidades autónomas. Sobre isto vai ter que dirimir o Tribunal Constitucional porque podémonos atopar ante un posible fraude de lei ás comunidades" apuntaba.
Alberto Vázquez considera ademais que se aprobou o imposto "sen debate parlamentario ao se introducir como emenda a unha proposición de lei" e apunta a escasa marxe de tempo que tiveron os afectados, neste caso as comunidades, para presentar alegacións.
"Non podemos dicir que tiveron unha situación de indefensión, pero eu creo que isto non é o desexable desde o punto de vista da seguridade xurídica", apuntaba o delegado de AEDAF en Galicia.
Vázquez cre que a recadación do imposto temporal ás grandes fortunas, que recorreu Galicia así como outras comunidades gobernadas polo PP caso de Andalucía ou Madrid, será "irrelevante" e conclúe que "é máis un tributo de cara á galería ca recadatorio".