Publicador de contidos
Publicador de contidos

Absolven de fraude a Louzán, pero manteñen sete anos de inhabilitación por prevaricar

Absolven de fraude a Louzán, pero manteñen sete anos de inhabilitación por prevaricar

Considera probado que o expresidente da Deputación cometeu irregularidades 

O tribunal absolve a exalcaldesa da localidade porque errores administrativos no procedemento 

Louzán xa confirmou que recorrerá a sentenza e que continuará á fronte da Federación Galega de Fútbol

G24.gal 09/05/2022 16:12 Última actualización 09/05/2022 20:23

A Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu o expresidente da Deputación, Rafael Louzán, do delito de fraude polo que fora condenado e confirmou a pena de sete anos de inhabilitación para emprego ou cargo público que lle impuxo o Xulgado do Penal nº 3 de Pontevedra por cometer un delito de prevaricación ao conceder a unha empresa unha subvención de 86.311 euros para realizar unhas obras de mellora do campo de fútbol de Moraña que xa estaban, na súa maior parte, executadas.

Acolleu parcialmente, polo tanto, o recurso do investigado, do mesmo xeito que os interpostos polo entón director de Infraestruturas da Deputación e o administrador e un empregado da adxudicataria do proxecto, aos que absolveu de fraude. Con todo, foron condenados, cada un deles, como cooperadores necesarios dun delito de prevaricación, polo cal a Audiencia mantivo a pena de sete anos de inhabilitación.

Os xuíces explican que prevaricaron ao poñerse de acordo “en crear e desenvolver un procedemento administrativo ficticio para que a Deputación aboase á empresa unhas cantidades que reclamaba por obras realizadas á marxe do proxecto dunha obra subvencionada polo organismo”.

O Alto Tribunal provincial absolveu do delito de fraude a todos os condenados en primeira instancia por este caso, e a exalcaldesa de Moraña e o arquitecto que asinou o proxecto, tamén do delito de prevaricación, pois entende que a declaración de complexidade da causa foi adoptada fóra de prazo e, por tanto, o procedemento dirixiuse contra ambos cando xa expirara o prazo de instrución.

Polo tanto, estes dous últimos investigados foron absoltos de todos os delitos, do mesmo xeito que os donos das dúas construtoras que accederon a participar no procedemento negociado sen publicidade a pesar de que se trataba “dun mero trámite” para adxudicar a obra a unha determinada empresa, pois só foran condenados por un delito de fraude.

Do mesmo xeito que a xuíza de primeira instancia, a Audiencia considera probado que a construtora á que a Deputación adxudicara en 2011 a instalación de herba artificial no campo de fútbol de Moraña e outras obras en edificacións anexas, aumentou o seu custo en 86.816 euros.

Ao tratarse dunha obra executada con subvención, a lexislación impedía pasar o importe subvencionado, polo que, para facer fronte a ese pago, “se ideou un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a aboar á empresa o importe que reclamaba sobre o orzamento aprobado”.

Así, en 2013 adxudicouse de forma irregular outra obra á mesma construtora por ese importe, en concreto, as melloras no vestiario e as bancadas do campo de fútbol, a pesar de que parte delas xa foran realizadas.

Louzán vai recorrer a sentenza de inhabilitación

Louzán xa confirmou que recorrerá a sentenza que o condena a sete anos de inhabilitación por un delito de prevaricación e continuará á fronte da Federación Galega de Fútbol.

O artigo 31 dos Estatutos da Federación Galega de Fútbol di o seguinte:

"Os membros dos órganos da RFGF deberán reunir os seguintes requisitos: c) Non estar inhabilitado para desempeñar cargos públicos"

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade