Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Audiencia da Coruña rexeita investigar outras dúas persoas en relación co crime de Yoel Quispe

A Audiencia da Coruña rexeita investigar outras dúas persoas en relación co crime de Yoel Quispe

Alegan que as dúas persoas sinaladas pola acusación particular mantiveron unha pelexa previa co mozo 

G24.gal 25/02/2025 16:42 Última actualización 25/02/2025 18:00

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña rexeitou a solicitude da familia de Yoel Quispe de aumentar de tres a cinco os investigados pola súa posible participación na morte do mozo, ocorrida en Noiteboa de 2023.

Alegan que as dúas persoas sinaladas pola acusación particular mantiveron unha pelexa previa co mozo, pero sen indicios de que tivesen relación co grupo que integraba a persoa que, supostamente, asestoulle unha puñalada mortal.

Desta forma, desestimou o recurso de apelación presentado pola representación da nai da vítima contra o autoditado o pasado 28 de novembro polo Xulgado de Instrución número 1 da Coruña.

Das dilixencias practicadas ata agora, despréndese a implicación nos feitos ocorridos esa madrugada de dous grupos diferenciados de mozos, os cales eran "independentes entre si" e os seus integrantes carecían de relación de coñecemento previo.

A vítima, segundo sinalan as probas testificais e documentais, participou nunha liorta previa coas dúas persoas contra as que a acusación particular solicitaba que se dirixise o procedemento, integrantes ambas do primeiro grupo de implicados.

"Yoel Quispe mantivo outro encontro cun dos mozos do segundo grupo, recibindo as feridas de arma branca que terminaron coa súa vida mentres se enfrontaba a este último", indica o ditame.

Tanto o tribunal da Audiencia Provincial como a maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña descartan que as agresións físicas despregadas con carácter previo por estas dúas persoas contra a vítima "puidesen detonar o feito homicida posterior".

Os maxistrados do alto tribunal provincial destacan que do cadro probatorio practicado ata o momento non consta nin "acordo previo" nin adhesión, por parte das persoas sobre as que se solicita que sexan investigadas.

A Sala engade que tampouco existe, "se aplicamos unhas doses mínimas de racionalidade ao plural acervo indiciario", unha colaboración "que tolere a imputación recíproca de responsabilidades". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade