A Audiencia da Coruña xulga o acusado de matar a súa parella no barrio coruñés do Birloque
A Audiencia da Coruña xulga o acusado de matar a súa parella no barrio coruñés do Birloque
O Ministerio Público apunta que as puñaladas lle perforaron a aorta e provocaron un choque hipovolémico que lle causou a morte de forma inmediata á muller
A Fiscalía considera os feitos constitutivos dun delito de asasinato con aleivosía, polo que piden 25 anos de cárcere, e outro de furto, polo que reclama o pagamento dunha multa
A Audiencia Provincial da Coruña celebra desde este luns o xuízo polo crime dunha muller no barrio coruñés do Birloque, en 2021. Por estes feitos, a Fiscalía solicita unha pena de 25 anos de cárcere por asasinato para o home, a súa parella nese momento. Será con Tribunal do Xurado tras unha causa que estivo a cargo do Xulgado de Violencia sobre a Muller.
De acordo coa planificación prevista, prolongarase ata o 24 de outubro comezando o día 14 coa constitución do xurado e a declaración do acusado. Entre o 15 e o 24 de outubro, cando está prevista a entrega do veredicto ao Tribunal do Xurado, terán lugar as declaracións testificais e periciais, entre testemuñas, policías nacionais, médicos, forenses e peritos, incluídos os da acusación particular e a defensa.
Feitos
O acusado, natural da Coruña, e de 51 anos no momento dos feitos, e a muller, de 55 anos, convivían como parella desde xullo de 2021 nun piso propiedade desta na cidade herculina. No seu escrito de cualificación, o Ministerio Público indica que, entre as 20:00 horas do 14 de setembro dese ano e a unha e media da madrugada do día seguinte, ambos mantiveron unha discusión no domicilio motivada pola decisión desta de terminar a relación sentimental e ao pedirlle ao acusado que marchase da casa. O home, engade, "díxolle que se ía arrepentir desta decisión, que non aceptou, desprezando a vontade da muller de poñer fin á relación, e decidiu acabar coa vida" dela.
Agresión cun coitelo
"A tal fin, entre as 18:00 e 19:00 horas do día 15, o acusado, utilizando un coitelo de 20 centímetros de fío e catro centímetros de ancho, de forma sorpresiva e repentina, e por detrás, asestoulle un número non determinado de puñaladas", engade. O Ministerio Público apunta que na parte das costas lle deu "mínimo dúa", e ademais ela recibiu noutra zona do corpo "un mínimo de cinco", e destacou, ademais, a violencia destas. De feito, incide, as puñaladas perforáronlle a aorta e provocaron un choque hipovolémico que lle causou a morte de forma inmediata á muller, sen que ela tivese, recalca, posibilidade de reacción ante o ataque. Ás dúas da madrugada, Urxencias Sanitarias 061 certificou a súa morte.
Ademais, o acusado, afirma Fiscalía, tras matala "con ánimo de obter diñeiro para fuxir" apoderouse "dunha cantidade comprendida entre 300/400 euros, que pertencían á recadación da panadería propiedade do pai da falecida, na que ela traballaba". A vítima tiña dous fillos maiores de idade, e un convivía con ela.
O acusado foi detido o 16 de setembro en Madrid, a onde fuxiu. Fiscalía sostén que non tiña alteradas as súas capacidades cognitivo-volitivas no momento da comisión dos feitos e considera os feitos constitutivos dun delito de asasinato, con aleivosía, polo que pide 25 anos de cárcere, e outro de furto, polo que reclama o pago dunha multa. O procesado deberá indemnizar, en concepto de dano moral e prexuízos, o pai da falecida coa cantidade de 20.000 euros e a cada un dos fillos coa cantidade de 30.000 euros.