A Audiencia de Barcelona envía a xuízo o futbolista Dani Alves por agresión sexual

Confirma o procesamento do exinternacional brasileiro, ao concluír que as declaracións da vítima e as testemuñas, así como as probas periciais, sustentan suficientes indicios para envialo a xuízo

Foto de arquivo de Dani Alves (EFE) Foto de arquivo de Dani Alves (EFE)
G24.gal 14/11/2023 13:10 Última actualización 14/11/2023 14:44

A Audiencia de Barcelona enviou a xuízo o exfutbolista do F. C. Barcelona Dani Alves por un delito de agresión sexual, acusado de violar unha moza no reservado dunha discoteca de Barcelona o pasado mes de decembro.

Nun auto, a sección 21ª da Audiencia confirma o procesamento do ex internacional brasileiro, ao concluír que as declaracións da vítima e as testemuñas, así como as probas periciais, sustentan suficientes indicios para envialo a xuízo por un delito de agresión sexual.

Con esta resolución, ábrese un prazo de cinco días para que a Fiscalía e a acusación particular exercida pola vítima presenten os seus escritos de cualificación, último trámite antes de fixar a data do xuízo. 

A titular do xulgado de instrución número 15 de Barcelona procesou a Alves en xullo, nunha resolución na que ratificou a súa situación de prisión preventiva na que se atopa tras ser detido polos Mossos d'Esquadra acusado de violar á moza de 23 anos no reservado da discoteca Sutton o pasado 30 de decembro, e impúxolle unha fianza de 150.000 euros para cubrir unha eventual indemnización á vítima.

A defensa de Alves, que desde outubro pasado exerce Inés Guardiola, pediu a nulidade da causa ao considerar que as filtracións sobre a investigación vulneraran a súa presunción de inocencia,: "Cando a difusión mediática o é a gran escala, a contaminación da investigación xudicial vólvese irremediable e irreversible, sendo a vulneración dos dereitos fundamentais que asisten o investigado insubsanable", apuntaba o recurso da defensa de Alves.

A Audiencia de Barcelona recoñece que as causas que afectan a "personaxes públicos" teñen unha "indubidable repercusión mediática" e que nos medios pódense verter opinións que atenten contra a presunción de inocencia "na súa vertente extraprocesal", aínda que conclúe que iso non afecta o proceso xudicial e precisa que a vía para resolvelo sería o ámbito de protección do dereito á honra.

No seu auto, a Audiencia lamenta as filtracións e os "xuízos paralelos", pero insiste en que iso non pode comportar a nulidade da instrución, xa que non teñen unha "incidencia directa" no proceso xudicial.

Tamén sostén que a defensa, a pesar das súas críticas á instrutora, non pediu a súa recusación nin achegou probas de que a súa suposta imparcialidade se plasmase  no proceso, senón ao contrario, xa que lembra que a maxistrada aceptou todas as dilixencias que solicitou esta parte durante a investigación.

"Indicios racionais suficientes"

A xuíz de instrución procesou a Alves ao concluír que existen "indicios racionais suficientes" para "supoñer" que Alves estivo a bailar coa vítima e que o exfutbolista, en dúas ocasións, lle colleu a man e a puxo no seu pene, ante o que a moza a retirou ambas as veces.

Posteriormente, desde a porta que daba a un pequeno lavabo de uso exclusivo para a zona VIP, Alves chamou á moza e, cando a moza acudiu, tirou con forza dela, mentres a vítima lle dicía que se detivese, que a deixase saír e que quería marchar.

A pesar diso, segundo a xuíza, Alves non fixo caso, subiulle o vestido, fixo que sentase sobre el, colleulle a parte posterior da cabeza e tirouna ao chan -o que lle causou á moza unha ferida no xeonllo-, para tentar que lle practicase unha felación, aínda que non o logrou, o que "enfureceu" ao futbolista.

Ante esta situación, segundo o auto de procesamento, o exinternacional brasileiro pegou "varias labazadas" na cara á vítima, púxoa de costas contra o pequeno lavamáns, fregou o seu pene contra o seu corpo e finalmente penetrouna "de maneira violenta".

Durante a instrución, Alves ofreceu ante a xustiza ata catro versións distintas: primeiro alegou que non coñecía á vítima, admitiu despois que coincidiu coa moza no baño da discoteca sen que sucedese nada entre eles e, cando a xuíza confrontou as súas explicacións coas probas biolóxicas, sostivo que a moza lle fixera unha felación, de forma consentida.

Posteriormente, en abril pasado, cando xa se coñecían os resultados das probas biolóxicas que acharon restos de seme de Alves nas partes íntimas da vítima, o futbolista volveu declarar ante a instrutora a petición propia e admitiu que mantivera relacións sexuais consentidas e que ao principio mentiu para ocultar a súa infidelidade á súa muller.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade