O Ministerio di que xa entregou a documentación requerida pola Audiencia para baixar ao Pitanxo
O Ministerio di que xa entregou a documentación requerida pola Audiencia para baixar ao Pitanxo
O Ministerio xa respondeu e indicou que o contrato asinarase nos próximos días
As familias din que é "de sentido común que o buque parta con todos os requisitos legais que estipula a lei"
A Audiencia Nacional remitiu un oficio á Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) para que lle remita de maneira urxente toda a documentación sobre a misión para descender ao pecio do Villa de Pitanxo.
Así o desvelou María José de Pazo, a voceira das familias dos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio acontecido o 15 de febreiro de 2022 en Terra Nova, asegurando ademais estar "desconcertada" ante o atraso que acumula esta operación.
Os achegados das vítimas aseguran que "faltan trámites" para levar a cabo esa partida da compañía contratada cara o lugar do afundimento do buque, propiedade da empresa viguesa ACSM Shipping.
Segundo esta voceira das familias, ao tribunal non lle consta o expediente aberto pola CIAIM para impulsar esta operación, que debe estar coordinada coa autoridade xudicial "ao estar baixo a súa dirección" toda a investigación sobre este naufraxio.
As familias aseguran estar "totalmente de acordo" co oficio remitido pola Audiencia Nacional á CIAIM, ao entender que é "de sentido común" que o buque debe partir "con todos os requisitos legais e garantías que estipula a lei".
Ante esta situación, os familiares dos 21 mariñeiros falecidos nesta traxedia marítima solicitaron unha reunión co delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, ao que lle reclamarán información sobre os trámites pendentes.
Desde o Ministerio responden que xa contestou á Audiencia Nacional o día 10 de maio coa información solicitada.
Contrato pendente de asinar
Outra novidade en relación a este caso, non menos importante: o contrato de adxudicación a ACSM Ships, que pretendía saír estes días para aproveitar as condicións favorables do mar en Terra Nova nesta época do ano, aínda non se firmou. Ese acordo de adxudicación á empresa viguesa, que data do 18 de abril pasado, está a día de hoxe sen rubricar.
Sobre este contrato o Ministerio asegura que se asinará nos próximos días. Unha vez asinado o contrato, a misión poderá dar comezo canto antes. Prevese unha execución aproximada dun mes. A misión contará coa presenza de peritos xudiciais.
Esta información xa foi trasladada ás familias, así como a disposición do novo delegado a recibilos igualmente en canto sexa posible. Como sabedes, a licitación do contrato é pública e figura na plataforma de contratación do sector público.