Publicador de contidos
Publicador de contidos

A auga do aeroporto de Vigo non é apta para o consumo

A auga do aeroporto de Vigo non é apta para o consumo

Aena ten como solución conectar a terminal á traída municipal, agora abastécese de pozos

En Peinador hai carteis en que se advirte de que a auga é "non potable"

G24.gal 19/09/2023 13:15

A última analítica da auga do aeroporto de Vigo revelou niveis altos de manganeso que non a fan apta para o consumo e Aena empezou a aplicar alternativas provisionais á espera dunha definitiva que pasaría por conectar a terminal á traída municipal, xa que agora abastécese de auga de pozos.

As analíticas que se realizaron con anterioridade este ano achegaron valores de manganeso que estaban dentro dos que establece a lexislación, en concreto o Real Decreto 3/2023, que reduciu os niveis dese metal de 400 microgramos por litro a 80, pero as análises máis recentes constataron unha presenza superior á permitida.

En consecuencia, a auga de Peinador non é apta para o consumo e iso afecta a todas as instalacións do aeroporto.

Aena instalou carteis na terminal nos que se advirte de que a auga é "non potable" e está a traballar en distintas solucións de continxencia.

A primeira foi fornecer de garrafas de auga mineral aos traballadores do aeroporto de Vigo e, en paralelo, está a tramitar a instalación de depósitos de auga na terminal para abastecer a pasaxeiros e demais usuarios.

Peinador dispón actualmente dun filtro que permite diminuír os niveis de manganeso e Aena avalía a posibilidade de instalar un segundo filtro se se comproba que permite diminuír máis os niveis dese metal.

Como solución definitiva ao problema que afecta a auga, Aena traballa na conexión do aeroporto de Vigo á rede municipal de auga.

As mesmas fontes explicaron que o xestor aeroportuario non ten indicios que relacionen o problema da auga coas obras que se están executando no aeroporto vigués.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade