Publicador de contidos
Publicador de contidos

A balea que apareceu morta en Ferrol constata cambios nos patróns migratorios

A balea que apareceu morta en Ferrol constata cambios nos patróns migratorios

Desde CEMMA aseguran que era un exemplar non adulto que adoita chegar a Galicia no verán

G24.gal 17/03/2023 21:49 Última actualización 18/03/2023 08:28

O cetáceo apareceu aboiando nun dos peiraos militares da Estación Naval da Graña. "Puidemos identificar que era un exemplar de balea común, unha Balaenoptera physalus, de pouco máis de 9 metros, é dicir, un individuo non adulto e femia", explica Xavier Pin, veterinario e voluntario da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA). 

Sobre as causas da morte haberá que agardar a coñecer os resultados das análises que realicen os profesionais de CEMMA. "Este exemplar tiña un traumatismo na parte esquerda da rama da mandíbula. O que ocorre é que este tipo de lesión prodúcese moitas veces despois do varamento polo que imos estar un pouco a expensas dos resultados das mostraxes que hoxe obtivemos".

Da estación naval foi remolcada ao porto de Ferrol nun operativo en que participaron Protección Civil e a Autoridade Portuaria. "Estamos a falar dun exemplar novo, aínda non adulto, entón quizais non era o momento de esperar atopalo nas nosas augas porque adoitan estar máis na época de verán, e isto pode estar un pouco relacionado co que estamos a ver nos últimos anos, que si está a haber cambios nos patróns migratorios destas especies", apunta Xavier Pin.

As análises permitirán coñecer mellor a bioloxía e a situación da especie. A balea común é o segundo animal máis grande do planeta, só superada pola balea azul. De adulta pode chegar a superar os vinte metros de lonxitude.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade