A Barbanza ponse no foco da fotografía con dous premios Goya
Dous irmáns traen para Ribeira senllos premios Goya dos fotógrafos profesionais
Estes galardóns son a máxima distinción dentro do sector da fotografía
Capturar o momento, contar unha historia e deixar un pouso de emoción é o que conseguen os irmáns Lesmes de Ribeira, os flamantes gañadores de senllos premios Goya de fotografía profesional, entregados recentemente en Zaragoza.
"Intento facer o que me vai xurdindo. Este premio significa moito porque é moi complicado gañar o Goya de fotografía, asegura Manuel Iglesias 'Lesmes'", gañador do Goya de fotografía profesional na categoría posvoda.
A imaxe gañadora, na categoría de fotografías de posvoda, captura un momento de emoción irrepetible.
"Eu quería amosar o que acontece neses momentos no que o fotógrafo non está aí. Quería ese xesto de amor e de cariño, pero sen que houbese bico, senón algo máis delicado", relata Manuel Iglesias.
"Toda a nosa familia se dedicou á fotografía, a esta arte, a este oficio tan marabilloso para min. Penso que o levo dentro e que me apaixona porque foi o que me transmitiron", conta Flora Iglesias, premiada co Goya na categoría voda.
Cunha instantánea dunha noiva buscando o acubillo do seu pai momento antes do casamento, esta artista da fotografía conquistou o xurado na súa primeira participación no galardón.
"Penso que foi ese momentiño que respirou e que mirou cara ao seu pai. Entón foi nese instante no que ela apoiou a testa e que me quedou esta imaxe fantástica", confesa a fotógrafa galardoada.
A historia continúa porque Manuel está este ano entre os finalistas no Mundial de Fotografía que se celebrará en marzo. Mentres chega, esta familia seguirá detendo o tempo a través dunha cámara.