A chuvia estabiliza encoros e enche ríos, pero continúa a declaración de seca
A chuvia estabiliza encoros e enche ríos, pero continúa a declaración de seca
Algúns ríos dobraron o caudal pero non houbo rebordamentos
Os encoros están un 15 % máis baixos que hai unha década
As choivas que está a traer a borrasca Beatrice, e que nalgúns puntos coma Ponteareas ou Rois superaron os sesenta litros por metro cadrado nas últimas horas, tamén se están a deixar notar nos caudais dos ríos.
Despois de semanas rozando niveis mínimos, este domingo os cursos fluviais xa notaban os efectos das precipitacións das últimas horas. É o caso do Tambre, que ao seu paso pola Ponte Maceira, en Negreira, subiu trinta centímetros no seu nivel medio, segundo Meteogalicia.
Iso supón dobrar a cantidade de auga que levaba ata hai uns días, situación que se deu noutros ríos coma o Lérez, en Pontevedra, ou o Sar en Santiago de Compostela.
Con todo, malia a intensidade das precipitacións non se produciron rebordamentos, como si acontecía noutros anos nos que os ríos non viñan de atravesar a situación de seca deste verán.
Situación dos encoros
Os encoros tamén están a agradecer a achega de auga, aínda que continúan rexistrando valores de ata un 15 % menos de ocupación que hai unha década.
A presa da Fervenza, nos concellos de Mazaricos e Dumbría, aínda está a un 33 % do seu total. Pero o río Xallas, que é o seu principal subministrador, dobraba o seu caudal nas últimas horas, polo que acabará repercutindo na acumulación do vaso.
Unha situación similar vívese no resto de encoros galegos. Segundo os datos máis recentes, as instalacións da conca Galicia-Costa están a un 48 % da súa capacidade, dous puntos menos que a semana pasada, e manteñen a declaración de seca prolongada.
Mentres a auga acumulada na demarcación Miño-Sil chega ao 42 %, dez puntos menos do que se rexistraba en 2012 pero igual cantidade que no exercicio anterior.
Os especialistas apuntan a que debería estar chovendo polo menos un mes con esta intensidade para recuperar a normalidade.