A borrasca Efraín deixa inundacións e cortes de estradas en Estremadura
A borrasca Efraín deixa inundacións e cortes de estradas en Estremadura
Nove comunidades autónomas españolas permanecen este martes en alerta por chuvia intensa e forte vento
Nove comunidades autónomas españolas permanecen este martes en alerta por chuvia intensa e forte vento asociados ao paso da borrasca Efraín. A que máis está sufrindo o embate do temporal é Estremadura, onde as autoridades activaron o nivel 1 de emerxencia por inundación e hai varias estradas cortadas.
Ata 24 provincias estarán esta xornada en alerta na metade sur de España polo paso da borrasca Efraín. Durante a mañá, as precipitacións máis importantes afectaron a Estremadura, onde varias localidades superaron os 50 litros por metro cadrado en 8 horas.
Incapaces de aliviar tanta auga, varios ríos e regatos estremeños botáronse por fóra anegando campos, casas e estradas. A forza da enchente fendeu a estrada nacional que comunica as dúas capitais estremeñas e na rede secundaria hai unha decena de vías cortadas.
A Xunta de Estremadura activou o nivel un de emerxencia por inundacións na comunidade.
Na localidade granadina do Pinar, a enchente do río Ízbor, provocada polas intensas chuvias, levou por diante varias plantacións de aguacate e deixou os veciños sen auga potable.
"A conta é que foi unha chuvia preciosa, sabe vostede. Pero claro, ao estar o monte queimado, baixou enteiro, todo enteiro".
En Madrid, as autoridades activaron tamén o plan para previr inundacións e pedironlle á poboación que extreme as precaucións. Nas últimas horas, os bombeiros madrileños fixeron 120 intervencións, unha delas para evacuar a auga deste garaxe na localidade de Majadahonda.