Á cadea por vender móbiles de baixa calidade con aparencia de alta gama na Coruña
Á cadea por vender móbiles de baixa calidade con aparencia de alta gama na Coruña
O xulgado de garda decretou o seu ingreso en prisión provisional
A Policía Nacional detivo na Coruña o suposto autor dun delito de estafa que vendía por Internet terminais de teléfono de baixa calidade dándolles a aparencia externa dun móbil de alta gama.
O home realizaba as vendas por Internet e foi o pasado día 31 de xullo cando se rexistrou a primeira delas: a vítima da estafa contacta co agora detido por unha plataforma de compravenda e págalle 1.000 euros por un suposto terminal de alta gama.
Máis tarde, indicou a Policía Nacional, o vendedor contacta de novo co cliente para ofrecerlle outro teléfono das mesmas características, tamén por 1.000 euros, e a vítima acepta para entregarllo a un coñecido seu.
Con todo, con este segundo terminal xa na man comproba que é idéntico ao anterior, non só o modelo, senón tamén os números de serie e o código IMEI de identificación, o que fai sospeitar a vítima, que decide denuncialo na Policía Nacional.
O 091 comprobou que pola embalaxe exterior e a propia carcasa do móbil podería parecer un teléfono de alta gama, pero constatouse que se trababa dun móbil de inferior calidade, mesmo con outro sistema operativo diferente.
O home foi detido pola Policía Nacional por un delito de estafa e a continuación o xulgado de garda decretou o seu ingreso en prisión provisional.