A campaña de recollida de mexilla iniciou este venres con bo pé
A campaña de recollida de mexilla iniciou este venres con bo pé
Este venres, 1 de decembro, deu comezo a recollida de mexilla nas costas galegas con bos resultados e satisfacción entre o sector
A campaña de recollida de mexilla iniciouse este venres, 1 de decembro, nas costas galegas. Segundo indicaron os bateeiros arousáns a Europa Press, o primeiro día foi "moi ben" xa que recolleron máis do esperado ante o temor de que os temporais producisen unha perda de semente de mexillón.
A campaña de extracción estará aberta ata o 30 de abril, aínda que en exercicios pasados concedéronse diferentes prórrogas por parte da Consellería do Mar. Estes venres puídose apreciar unha grande afluencia nas rocas de zonas como a ría de Arousa.
Segundo relatan mexilloeiros, existe problemática con bateas que agora mesmo están sen mexillón pola súa perda polo mal tempo.
En canto ás cantidades máximas a extraer fixadas na orde de extracción, o máximo está indicado en 3.500 quilos por batea ao ano para a engorda e, no caso de liñas de cultivo, un quilo de semente por cada dous metros de corda autorizada.
Por outra banda, a xestión de mexilla provocou, nos últimos anos, enfrontamentos entre bateeiros e percebeiros en diferentes zonas de Galicia pola delimitación dos espazos de extracción deste recurso.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presentou, esta mesma semana, nunha xornada no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) o proxecto Apromex para a xestión da mexilla. Este plan abarca dende a análise da poboación de cría do mexillón nas rocas ata a posta en marcha de novos sistemas para avaliar a captación no medio natural. Por último este proxecto tamén se preocupa pola produción complementaria de mexilla a través de criadeiros.