A campaña de vacinación conxunta da covid e a gripe xa está en marcha
A campaña de vacinación conxunta da covid e a gripe xa está en marcha
Os primeiros en ser inmunizados son os residentes en centros de maiores e de persoas discapacitadas
A partir do 16 de outubro a campaña esténdese ao resto da poboación diana
Comezou a campaña de vacinación conxunta da gripe e da covid nas residencias de maiores de Galicia que se desenvolverá ata o 31 de decembro.
Este ano o Sergas aspira a que máis do 75 % dos 30.000 usuarios das residencias galegas se inmunice.
Como é habitual, os primeiros maiores en recibir a vacina foron os 63 internos na residencia santiaguesa Porta do Camiño.
A que comezou hoxe é a terceira campaña de vacinación simultánea contra os dous virus e a partir do 16 de outubro vaise ir estendendo gradualmente á poboación diana en xeral. A partir dese día serán as persoas maiores de 80 anos as que serán citadas para acudir ao seu centro de saúde.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou que a partir de outubro reabrirán os "centros de vacinación masiva" para citar ás persoas de entre 60 e 79 anos.
O conselleiro apuntou en declaracións á prensa que esta vacinación tamén está dispoñible para os menores de 60 que pertenzan a un colectivo "de risco ou inmunodeprimidos", así como "coidadores de persoas de risco".
Ademais, a Xunta retomará o seu servizo a domicilio para vacinar a aquelas persoas que pertenzan aos grupos diana e non se poidan mover das súas casas.