Arrinca a campaña de vacinación da gripe e a covid-19 entre os profesionais sanitarios
Arrinca a campaña de vacinación da gripe e a covid-19 entre os profesionais sanitarios
Tamén comezan a vacinarse as persoas de máis de 80 anos ou con inmunosupresión
A Xunta pretende conseguir que o 75 % do persoal sanitario reciba a vacina da gripe
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou este luns o Punto de Atención Continuada do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela con motivo do inicio da vacinación fronte á gripe e á covid-19 dos profesionais sanitarios.
Entre os obxectivos da Xunta para esta campaña, está o de conseguir unhas maiores taxas de vacinación fronte á gripe entre o persoal sanitario, un colectivo no que a taxa de adherencia é do 57 %.
Ademais do persoal que traballa nos hospitais e nos centros de saúde de Galicia, na xornada deste luns tamén comezará a vacinarse da gripe e da covid-19 ás persoas de 80 e máis anos, así como ás persoas en situación de inmunosupresión.
Pola súa banda, en relación á vacinación exclusiva da gripe, a estes dous grupos de poboación hai que engadirlle o persoal que traballa nos servizos de emerxencias sanitarias, o persoal das oficinas de farmacia, así como ás persoas institucionalizadas e aos traballadores destes centros.
O Sergas conta na actualidade con máis de 43.000 profesionais sanitarios e non sanitarios. A Xunta pretende conseguir nesta campaña unha porcentaxe de vacinación fronte á gripe do 75 % entre o persoal sanitario.
Ata a xornada deste domingo, 13 de outubro, na actual campaña de vacinación foron vacinadas xa máis de 56.000 persoas fronte á gripe e case 45.000 fronte á covid-19. Ademais, máis de 3.300 nenos e nenas xa foron inmunizadas fronte ao virus respiratorio sincipital (VRS).