Publicador de contidos
Publicador de contidos

Case 25.000 galegos foron vacinados xa contra a gripe e 23.000 contra a covid

Case 25.000 galegos foron vacinados xa contra a gripe e 23.000 contra a covid

Sanidade suliña tamén que máis de 2.300 nenos e nenas foron xa inmunizados fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS)

G24.gal 05/10/2024 11:18 Última actualización 05/10/2024 14:16

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou este sábado os resultados do arranque da campaña de vacinación posta en marcha o pasado 23 de setembro, con case 25.000 galegos e galegas vacinados fronte á gripe e máis de 2.300 nenos e nenas inmunizados fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS).

Así o manifestou no acto de inauguración da XXV Xornada Central de Formación en Vacinas, na que tamén participou a directora do Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades, Marta Piñeiro. O conselleiro de Sanidade explicou que, das persoas vacinadas contra a gripe, un total de 3.276 son persoal sociosanitario, mentres que 21.353 son residentes.

Igualmente, explicou que, desde o inicio da campaña, xa se vacinaron case 23.000 persoas contra a covid, das que 2.069 son persoal sociosanitario e 20.527 son residentes.

Con respecto á vacinación de menores fronte ao VRS, explicou que as áreas de Vigo, A Coruña e Santiago están á cabeza. Gómez Caamaño puxo en valor o compromiso dos profesionais sanitarios e a confianza da cidadanía no Programa Galego de Vacinación.

"Sen a implicación de todo este persoal non teriamos estes magníficos resultados nin o prestixio do que goza Galicia en vacinación, tanto a nivel nacional como internacional", remarcou.

Segundo lembrou, a campaña de vacinación conxunta (gripe e covid) comezou en setembro, incluíndo como novidade a vacina intranasal para nenos e nenas entre 2 e 5 anos, que empezará a aplicarse o luns.

Este ano, a Xunta fíxase como obxectivo lograr unha cobertura de vacinación do persoal sanitario do Sergas superior ao 75 %. Ademais, modificouse a estratexia na vacinación fronte ao virus do papiloma humano, xa que a evidencia científica avala a pauta dunha dose única e aumentar as cohortes de vacinación en home de ata 18 anos.

Finalmente, o conselleiro de Sanidade puxo en valor xornadas como a celebrada este sábado en Santiago, que supoñen unha oportunidade para reforzar habilidades técnicas, actualizar coñecementos e aprender dos expertos, para seguir buscando solucións innovadoras para previr as enfermidades e promover a saúde pública.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade