A campaña de vacinación conxunta de gripe e covid comezará a última semana de setembro
A campaña de vacinación conxunta de gripe e covid comezará a última semana de setembro
A data acordouse na Comisión de Saúde Pública
Os primeiros en vacinar serán os maiores de 60 anos, embarazadas, persoal sanitario e sociosanitario
A campaña de vacinación conxunta contra a gripe e a covid-19 empezará a última semana de setembro e irá destinada a determinados grupos como maiores de 60 anos, as persoas en condicións de risco, as embarazadas e o persoal sanitario e sociosanitario.
Así o decidiu a Comisión de Saúde Pública nunha reunión en que tamén aprobou recomendar a inmunización contra o virus respiratorio sincitial, causante da bronquiolite, aos bebés prematuros de menos de 35 semanas, con inmunodepresión severa, con síndrome de Down ou en coidados paliativos e aos bebés de ata 6 meses.
Neste caso, os directores xerais de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade e das comunidades mantiveron os mesmos criterios que xa perfilaron en xullo, cando estableceron que, tendo en conta "as incertezas con respecto á dispoñibilidade do fármaco en España", había que comezar cos nenos de ata 24 meses con alto risco de enfermidade grave. Despois pasarase aos menores de 6 meses.
Terceira campaña de vacinación conxunta
Respecto ás vacinas da gripe e da covid, será a terceira campaña que ambas se administran de maneira conxunta, e que coincide cun momento en que levan sucedéndose semanas de lixeiro aumento de casos, que agora se está estabilizando: a taxa roza os 130 casos por cada 100.000 habitantes en Atención Primaria e en 3 os que requiren hospitalización.
A que será a quinta dose da covid-19 está recomendada para os maiores de 60; persoas de máis de 5 anos internas en residencias e centros de discapacidade ou institucionalizadas de maneira prolongada e residentes en institucións pechadas; menores de 60 en condicións de risco -como diabetes, cancro ou enfermidade renal, embarazadas en calquera trimestre de xestación.
Tamén para o persoal de centros sanitarios e sociosanitarios públicos e privados e traballadores de servizos públicos esenciais. Como novidade ás recomendacións que aprobaron en xullo, incluíuse o persoal dos establecementos sanitarios, por exemplo, as farmacias.