Máis dun cento de viaxeiros, atrapados en Santiago pola cancelación dun voo do Imserso
Máis dun cento de viaxeiros, atrapados en Santiago pola cancelación dun voo do Imserso
O avión avariouse nas Baleares e os que esperaban en Santiago tiveron que facer noite na cidade
Finalmente voaron a Almería con case 20 horas de atraso
A cancelación dun voo do Imserso a Almería atrasou as vacacións de máis dun cento de pasaxeiros. Chegados de distintas vilas galegas, estaban listos para embarcar no aeroporto de Santiago este Xoves Santo, pero comezaron a sucederse os atrasos.
"Estivemos esperando ata que chegou unha rapaza e dixo que estaba cancelado", explica un pasaxeiro.
Aloxáronos en dous hoteis en Santiago, e case 20 horas despois regresaban ao aeroporto para facer un segundo intento de viaxar a Almería.
"Dixeron que tiñamos que esperar a hoxe ás 12 da mañá, e aquí estamos, a ver se podemos irnos", dicía unha pasaxeira.
Á parte do tempo perdido, quéixanse de que lles faltou información. Contan que o avión que tiña que levalos avariouse, e deixou outro grupo retido en Eivisa.
"A última hora dixeron que non había avión e listo", di unha das viaxeiras.
"Estivo avariado en Eivisa, outros estiveron alá tirados oito horas no aeroporto", explica outro.
Logo da confusión inicial, e malia que perderon un día de vacacións, os máis deles reemprendían a viaxe contentos. Finalmente, con outro pequeno atraso, conseguiron chegar a Almería ás 13:50 do venres.