A Cata Concurso e o Túnel do Viño abren o programa técnico da Festa do Albariño en Cambados
A Cata Concurso e o Túnel do Viño abren o programa técnico da Festa do Albariño en Cambados
Na XXXVI Cata do Albariño compiten 61 adegas, cos viños de 2023
O Túnel do Viño fai 13 edicións, e desta vez trae máis de 180 elaboracións dunhas 70 adegas da DOP Rías Baixas. É unha das citas estrela do programa, porque permite coñecer e degustar os viños máis a fondo, e incluso chegar a catar elaboracións máis difíciles de atopar no mercado.
"Temos vinificacións diferentes, crianzas en barrica, ou fermentacións con lías" explica Sebarista, o sommelier que dirixe o Túnel. Como curiosidade, destaca que se pode probar un albariño reserva de 2012.
Tamén arrancou a outra gran cita do programa profesional da festa: a Cata Concurso do albariño, que cumpre 36 edicións. Compiten 61 adegas, co monovarietal de albariño que elaboraron a colleita pasada.
Ouro, prata e bronce deste ano decidiranse coma sempre na Cata Derradeira. E son distincións que valen moito no mercado: di o secretario da Denominación, Ramón Huidobro, que as adegas que gañan en Cambados "esgotan o viño antes do Nadal".
Lembra que foi así, "cun concurso entre adegueiros" como comezou o que hoxe é a gran cita do verán co Albariño de Rías Baixas. A Festa celebra a súa 72ª edición.