A CE investiga a Meta por considerar que non combate a desinformación ante as europeas
A CE investiga a Meta por considerar que non combate a desinformación ante as europeas
O Goberno comunitario cre que a empresa estadounidense puido incumprir as obrigas da lei de servizos dixitais de protexer a integridade das eleccións
A Comisión Europea abriu este martes unha investigación contra a empresa estadounidense Meta por considerar que non está a facer o suficiente para combater a desinformación de axentes estranxeiros, principalmente Rusia, para as eleccións europeas de xuño nas redes sociais Facebook e Instagram.
"Hoxe abrimos un caso contra Meta por presunto incumprimento das obrigacións da lei de servizos dixitais de protexer a integridade das eleccións", dixo o comisario europeo de Mercado Interior, Thierry Breton, nunha mensaxe na rede social X.
Today we open cases against #Meta for suspected breach of #DSA obligations to protect integrity of elections:
— Thierry Breton (@ThierryBreton) April 30, 2024
▪️Inadequate ad moderation exploited for foreign interference & scams
▪️Inadequate data access to monitor elections
▪️Non-compliant tool for flagging illegal content pic.twitter.com/ZJHWNDm2MD
A Comisión Europea, contra a desinformación
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, explicou nun comunicado que o Goberno comunitario creou medios para protexer os cidadáns europeos da desinformación e a manipulación personalizada por parte de terceiros países e que "se sospeitamos que hai unha violación das regras, actuamos, especialmente en tempos de eleccións democráticas".
En concreto, Bruxelas cre que a empresa está a incumprir a normativa comunitaria que o obriga a evitar a difusión de publicidade enganosa, así como as posibles campañas de desinformación, e preocúpalle, porque iso "pode presentar riscos" para os procesos electorais e os dereitos fundamentais, así como para a protección do consumidor", segundo explicou a Comisión nun comunicado.
"As grandes plataformas dixitais deben cumprir coas súas obrigas de dedicar suficientes recursos a isto e a decisión de hoxe demostra que tomamos en serio o cumprimento".
Von der Layen cre que as ferramentas que Facebook e Instagram dan aos usuarios para que avisen da presenza de contido ilegal incumpren cos requisitos que establece a lei de servizos dixitais, a norma coa que a Unión Europea obriga ás grandes plataformas a combater o contido ilegal en Internet.
A apertura desta investigación permítelle á comisión adoptar toda unha serie de medidas, entre as que podería aplicar unha multa de ata o 6 % da facturación global de Meta.