CEOE e UXT ratifican o acordo salarial
CEOE e UXT ratifican o acordo salarial
Os seus órganos de dirección aproban a recomendación de suba do 10% en 3 anos
Podemos cre que queda curto e o PP critica a política de confrontación do Goberno
Primeiro foi a CEOE e despois a Unión Xeral de Traballadores. Os órganos de dirección da patronal e do sindicato aprobaron por unanimidade o acordo que recomenda subir os salarios un 4% este ano e un 3% en cada un dos dous seguintes.
Previsiblemente, Comisións Obreiras fará o mesmo este martes. O colectivo de autónomos cre que o pacto desmonta as acusacións do executivo aos empresarios.
"Mentres que o Goberno estaba insultando, menosprezando e satanizando o tecido empresarial, nós estabamos negociando", sinalou Lorenzo Amor, presidente da Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos.
Na mesma liña se pronunciou o Partido Popular ao fío das últimas críticas de Unidas Podemos ao presidente de Mercadona.
"Este é o camiño, que é moi distante e distinto dese ataque frontal que está impulsando e promovendo o Goberno", dixo Cuca Gamarra, secretaria xeral dos populares.
Podemos celebra o acordo, aínda que cre que queda curto.
"Houbo moita perda da capacidade adquisitiva para os traballadores, polo que consideramos que é unha boa noticia, pero cremos que hai marxe para que esa suba sexa maior", explicou Pablo Fernández, voceiro de Podemos.
O ministro de Consumo, Alberto Garzón, cualificou de positivo o entendemento porque o que toca, dixo, é frear e moderar as marxes de beneficio empresariais