Publicador de contidos

Publicador de contidos

José Antonio Gómez, exsecretario xeral de UXT: "O sindicato está preparado para o futuro"

José Antonio Gómez, exsecretario xeral de UXT: "O sindicato está preparado para o futuro"

Gómez asegura que "chegou o momento de reducir a xornada laboral" e "rematar coa fenda de xénero"

O exsecretario xeral de UXT Galicia considera "lamentable" o cartel do sindicato CIG en que se caricaturiza a Fabiola García: "Pódese facer crítica política e sindical, pero sen denigrar unha muller"

O exsecretario xeral da UXT Galicia, este xoves nunha entrevista no 'Bos días' da TVG
G24.gal 06/03/2025 09:40

UXT Galicia afronta unha nova etapa tras a saída de José Antonio Gómez da secretaría xeral despois de vinte anos. Desde hai unha semana, Cristóbal Medeiros sitúase á fronte do sindicato; unha persoa "nova, dinámica e con experiencia", en palabras do seu predecesor.

Nunha entrevista no 'Bos días' da Televisión de Galicia, Gómez tivo palabras de "agradecemento" para os seus compañeiros e compañeiras. Asegura que, tras a remuda, o sindicato "está preparado para o futuro".

"O novo secretario xeral é un compañeiro novo, dinámico e con experiencia. O seu equipo combina xuventude e renovación e penso que o sindicato está preparado para o futuro, cunhas estruturas fortes nos ámbitos sectoriais e comarcais, para defender mellor os intereses dos traballadores e traballadoras".

Gómez puxo en valor os avances conseguidos nos últimos tempos, como a suba do salario mínimo interprofesional. Cre que "chegou o momento de reducir a xornada laboral" e confía en que "hai marcos de negociación para que poda ser ratificada".

Para o exsecretario xeral de UXT Galicia, o diálogo social "é un mecanismo válido que ten que continuar". Afirma que nestes tempos de "incerteza" e neste contexto de "polarización" é preciso manter o "respecto pola institucionalidade". Precisamos, di, "máis Europa e máis mercado único para poder competir".

E entre os retos de futuro sinala a necesidade de rematar coa "fenda de xénero".

O exsecretario xeral de UXT Galicia considera "lamentable" o cartel do sindicato CIG en que se caricaturiza a conselleira de  Política Social, Fabiola García". Ao seu xuízo, "pódese facer crítica política e sindical, pero sen denigrar unha muller".

O PP considera "machista" esta campaña e pide unha condena expresa do BNG no Parlamento galego.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade