A China quere a reunificación pacífica con Taiwán, pero non descarta usar a forza
A China quere a reunificación pacífica con Taiwán, pero non descarta usar a forza
Xi Jinping será reelixido para un terceiro mandato algo que non ten precedentes entre os seus antecesores
A China perseguirá a reunificación pacífica con Taiwán, pero non renuncia a utilizar a forza para conseguilo.
O presidente do país e secretario xeral do Partido Comunista inaugurou o pasado domingo o vixésimo congreso do partido con esta mensaxe aos independentistas taiwaneses e cunha defensa pechada da súa política de covid cero.
Dentro dunha semana, o presidente do país e actual secretario xeral do partido, Xi Jinping, será reelixido para un terceiro mandato, algo que non ten precedentes entre os seus antecesores.
O líder chinés foi recibido con aplausos polos máis de 2.000 delegados chegados de todo o país.
No seu discurso inaugural pediu valentía para construír un país socialista moderno, cunha maior distribución da riqueza, e destacou os avances tecnolóxicos chineses.
Xi tamén se dirixiu ao que chamou actividades separatistas e provocacións do exterior. Afirmou que Taiwán é da China. Dixo que buscará a reunificación pacífica coa illa pero que nunca van renunciar ao uso da forza armada.
Pouco despois Taiwán, que conta cunha Constitución e un goberno democrático pero que nunca declarou a súa independencia, reiterou a través dun comunicado, que seguen comprometidos coa liberdade e a democracia, e que un conflito entre as dúas partes non é unha opción.