Os encoros galegos, en mínimos pola peor seca da serie histórica en Galicia
Os encoros galegos, en mínimos pola peor seca da serie histórica en Galicia
A Confederación Hidrográfica Miño-Sil cre que a seca pode durar ata outubro e pide cambios na xestión da auga
Hai 30 concellos, 27 en Ourense e 7 en Lugo, con problemas para abastecer a poboación
As previsións apuntan a que a seca vai continuar polo menos ata outubro. O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil pídelle á poboación que tome conciencia do valor da auga e ás Administracións que tomen medidas a medio e longo prazo para xestionar mellor un recurso que é vital.
O ano máis seco en catro décadas fixo emerxer as ruínas do antigo Portomarín e tamén os restos dun campamento militar romano en Bande. Os encoros están á metade e o caudal dos ríos vai un 43 por cento máis baixo ca o ano pasado. Segundo datos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, este 2022 recolleuse un 42 por cento menos de precipitacións. O seu presidente asegura que xa desde febreiro viñan advertindo da situación polas previsións meteorolóxicas que daban para todo o noroeste peninsular.
"E ademais son unhas previsións que nos seguen dicindo que durante o mes de agosto, setembro e outubro vai manterse esta situación de seca"
Hai 30 concellos, 23 en Ourense e 7 en Lugo, que teñen problemas de abastecemento. Uns recorreron a cortes puntuais e a camións cisterna. Outros regan rúas e xardíns en días alternos, ou con auga reutilizada, non apta para o consumo, e algún mesmo utiliza drons para vixiar que non se malgaste a auga.
A chuvia que se anuncia para a semana que vén será positiva para os cultivos, refrescará o ambiente e axudará na loita contra os incendios, pero o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil asegura non vai paliar a seca. Advirte de que o cambio climático obriga a facer previsións a longo prazo para mellorar a xestión da auga. Coas fugas nas redes municipais pérdese unha media dun 40 por cento do caudal.
"A concienciación e sensibilización cidadá sobre a importancia da auga é fundamental, e iso combinalo cunha mellora na xestión das administracións"
De momento, Quiroga lembra que os concellos que o soliciten poderán seguir facendo captacións temporais de auga para paliar os efectos da seca.